O BNG do Vicedo propón desfibriladores nas parroquias e reclama desbloquear o centro de día

O BNG do Vicedo levou ao último pleno municipal unha batería de propostas centradas na mellora da seguridade sanitaria da veciñanza e no impulso dos servizos sociais do municipio. A formación nacionalista reclamou a instalación de desfibriladores semiautomáticos nas parroquias e cursos de formación en reanimación cardiopulmonar, ao tempo que criticou a falta de avances para poñer en funcionamento o centro de día da localidade.
Os nacionalistas consideran que a dispersión xeográfica do municipio converte a rapidez de actuación ante unha parada cardiorrespiratoria nun factor fundamental. Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Miguel Gómez Fraga, as distancias entre o núcleo urbano e parroquias como Cabanas, Riobarba, San Román, Mosende, Suegos ou Negradas poden dificultar a chegada inmediata dos servizos de emerxencia.
Por este motivo, o Bloque solicitou ao goberno local do Partido Popular a adquisición e instalación dun desfibrilador semiautomático en cada un dos locais sociais destas seis parroquias. A proposta inclúe tamén a creación dun plan de mantemento para garantir o correcto funcionamento dos equipos ao longo do tempo. Desde o BNG lembran que estes dispositivos requiren revisións periódicas, substitución de baterías e renovación dos parches para manter a súa operatividade.
A formación insiste en que a instalación dos aparellos debe ir acompañada de formación específica para a poboación. Neste sentido, propuxeron que o Concello contacte coa Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ou, no seu defecto, contrate profesionais acreditados para impartir cursos básicos de reanimación cardiopulmonar e uso de desfibriladores.
“O importante é que os veciños e veciñas saiban como actuar durante os primeiros minutos dunha emerxencia, que son decisivos para salvar vidas”, sosteñen desde o BNG, que aposta por converter os locais sociais das parroquias en espazos cardioprotexidos.
Os nacionalistas lamentaron tamén a falta de resposta do alcalde e do equipo de goberno durante o pleno municipal. Segundo denunciou Miguel Gómez Fraga, o executivo local non se pronunciou sobre a iniciativa, polo que o Bloque asegura descoñecer cal será a postura do Concello ante unha proposta que consideran “fundamental para a seguridade da poboación”.
No mesmo pleno, o BNG presentou outra moción relacionada co centro de día do Vicedo, unha infraestrutura que leva anos rematada sen entrar en funcionamento. A formación pediu ao goberno municipal que solicite á Xunta de Galicia a inclusión do centro no Consorcio Galego de Servizos Sociais e Igualdade para facilitar a súa apertura e xestión.
Porén, os nacionalistas acusan ao alcalde de evitar un acordo coa administración autonómica. Segundo Miguel Gómez Fraga, o Partido Popular modificou a moción presentada polo BNG eliminando os puntos principais da proposta e substituíndoos por unha referencia xenérica á procura de financiamento externo.
Desde o Bloque consideran que esta postura evidencia unha falta de implicación do goberno municipal nas demandas da veciñanza. “Non se pode seguir adiando unha infraestrutura social necesaria para o municipio”, sinalan os nacionalistas, que insisten en reclamar máis compromiso institucional para atender as necesidades das persoas maiores e dependentes do Vicedo.