O BNG do Vicedo expresa o seu apoio tras o incendio no PAI e pide esclarecer as causas do suceso

AMariñaXa
Os nacionalistas destacan a ausencia de danos persoais, reclaman información rigorosa e ofrecen colaboración para restablecer o servizo canto antes
BNG-Vicedo-2026
22 Apr 2026

O BNG de O Vicedo trasladou unha mensaxe de solidariedade ás familias e ás profesionais afectadas polo incendio rexistrado no Punto de Atención á Infancia (PAI) do municipio, un incidente que xerou momentos de preocupación pero que, segundo confirmaron as autoridades, non deixou danos persoais.

O portavoz municipal da formación nacionalista, Miguel Gómez, subliñou que a prioridade nunha situación deste tipo é garantir a seguridade das persoas, especialmente da cativada. “O máis importante é que non hai que lamentar danos persoais, algo que nos tranquiliza nun momento de incerteza como este”, indicou.

Á espera de coñecer os resultados da investigación oficial, o BNG apelou á prudencia e á necesidade de contar con información técnica precisa que permita determinar as causas do incendio. Desde o grupo consideran fundamental esclarecer o sucedido para asegurar que as instalacións cumpran con todas as garantías de seguridade de cara ao futuro.

En paralelo, Gómez explicou que mantivo contacto co goberno local para coñecer de primeira man as actuacións que se están a desenvolver tras o suceso. Segundo trasladou o Concello, xa se está a traballar na habilitación dun espazo alternativo que permita retomar o servizo de maneira provisional. “É importante que esta solución chegue canto antes para reducir o impacto que esta situación pode ter na conciliación das familias”, apuntou.

O grupo nacionalista quixo tamén deixar patente a súa disposición a colaborar co executivo municipal e co conxunto da comunidade educativa para contribuír a recuperar a normalidade o antes posible. “Poñémonos ao servizo do Concello e das familias para axudar en todo o que sexa necesario”, sinalou o portavoz.

Finalmente, desde o BNG expresaron o seu recoñecemento ao labor desenvolvido polos servizos de emerxencia que interviñeron no operativo. Gómez destacou a actuación de Protección Civil do Vicedo e do resto de efectivos mobilizados, salientando a súa rapidez e profesionalidade nunha situación de risco.

“Ante momentos complicados como este, é cando máis necesario resulta actuar con unidade e responsabilidade”, concluíu, facendo un chamamento á colaboración de toda a veciñanza para superar o ocorrido.

0.09909987449646