O BNG denuncia o deterioro do CEIP Vista Alegre de Burela e reclama unha reforma integral

AMariñaXa
Daniel Castro advirte de humidades, filtracións, problemas de accesibilidade e deficiencias estruturais no centro, mentres reclama tamén melloras no IES O Perdouro e no CEIP Os Castros
BNG daniel castro
8 Oct 2026

O deputado do BNG pola comarca da Mariña, Daniel Castro, levou á Comisión de Educación do Parlamento de Galicia as reivindicacións da comunidade educativa do CEIP Vista Alegre de Burela, que reclama desde hai anos unha reforma integral dunhas instalacións que superan xa as catro décadas de antigüidade.

Castro puxo o foco no estado do centro e enumerou diferentes deficiencias que, segundo explicou, se veñen arrastrando desde hai tempo. Entre elas figuran humidades e filtracións recorrentes, aseos en condicións insalubres, fugas de auga, deterioro de pavimentos e columnas, unha instalación eléctrica obsoleta, carpintería deteriorada, un peche perimetral sen rematar e ventás e persianas que presentan un importante desgaste.

O deputado nacionalista tamén advertiu das dificultades de accesibilidade existentes no colexio e doutros problemas que afectan directamente ao día a día da comunidade educativa.

Segundo Castro, todas estas carencias están recollidas nunha memoria de corenta páxinas elaborada pola ANPA, a dirección e o Consello Escolar do centro e entregada xa á Xunta. O parlamentario cuestionou que, pese a contar con este documento, a Administración autonómica non dese unha resposta ás demandas da comunidade educativa. "Supoño que foi directamente ao lixo", lamentou.

O deputado do BNG acusou ademais o Goberno galego de "botar balóns fóra" e tratar de responsabilizar ao Concello de Burela dunha situación na que, segundo sinalou, a administración local "xa fixo o que lle correspondía".

"Levo xa varias visitas ao centro e cada vez está peor", afirmou Castro, que incidiu especialmente na existencia de problemas que poden repercutir na saúde e no benestar tanto do alumnado como do profesorado. Entre eles citou a presenza de mofo, pequenos desprendementos e luminarias que, segundo a documentación trasladada pola comunidade educativa, non serían compatibles coa normativa de seguridade.

Ante esta situación, o deputado nacionalista reclamou á Consellería de Educación que acometa dunha vez por todas a reforma integral que a comunidade docente vén reclamando "anos e anos". Castro rexeitou tamén que as actuacións realizadas ata o momento poidan presentarse como unha intervención de gran alcance. "E non vale que nos queiran presentar como obra faraónica das catro míseras ventás e as dúas portas que puxeron", afirmou.

As críticas do BNG non se limitaron ao CEIP Vista Alegre. Daniel Castro aproveitou a súa intervención para trasladar tamén á Comisión de Educación as necesidades que presentan outros dous centros educativos de Burela: o IES O Perdouro e o CEIP Os Castros.

No caso do IES O Perdouro, o deputado instou ao secretario xeral de Educación a construír, cando menos, a cuberta da pista exterior do instituto. A comunidade escolar reclama ademais que esta actuación vaia acompañada da instalación de baños e dun pequeno almacén.

Castro sinalou que o instituto, ao que asisten máis de 500 alumnos, tamén presenta dificultades de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e problemas de goteiras no ximnasio. A estas deficiencias engádese, segundo denunciou, a necesidade de incrementar o persoal do centro.
No CEIP Os Castros, pola súa banda, a principal demanda está relacionada tamén cos recursos humanos. O deputado do BNG denunciou a falta de persoal coidador e de especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe.

Á falta de recursos persoais súmanse problemas nas propias instalacións do colexio. Castro explicou que a comunidade educativa trasladou a existencia de humidades e goteiras nos edificios, especialmente no ximnasio.

O parlamentario nacionalista lamentou finalmente a falta de concreción na resposta ofrecida polo secretario xeral de Educación durante a Comisión e criticou a actitude da Consellería pola súa negativa a recibir os representantes das ANPA de Burela, que, segundo indicou, solicitaron manter un encontro para abordar directamente as necesidades dos centros educativos da localidade.

0.14764404296875