O BNG de Xove reclama transparencia sobre a situación dos residuos no DBR de Alcoa

AMariñaXa
Os nacionalistas esixen explicacións á Xunta e á empresa, levarán o asunto ao Parlamento e insisten en compatibilizar a actividade industrial coa protección da saúde
Pilar-Vazquez-BNG-Xove-2025
27 Jul 2026

O BNG de Xove expresou a súa preocupación pola situación dos residuos almacenados no Depósito de Barro Vermello (DBR) de Alcoa e reclamou que tanto a Xunta de Galicia, como administración competente, como a propia multinacional ofrezan información "clara, rigorosa e transparente" á cidadanía. A formación considera que a falta de comunicación oficial está a xerar inquietude entre a veciñanza e reclama explicacións inmediatas sobre o alcance da situación.

A voceira do BNG en Xove, Pilar Vázquez, sinalou que a prioridade neste momento pasa por facilitar datos veraces que permitan coñecer con exactitude o estado do depósito, os posibles riscos existentes e as actuacións que se prevén adoptar. Ao seu xuízo, a cidadanía ten dereito a recibir respostas fundamentadas tanto por parte das administracións públicas como da empresa responsable.

Os nacionalistas sosteñen que as actuacións anunciadas ata o momento resultan insuficientes e consideran que non chega con medidas puntuais, como a incorporación dun camión autobomba, senón que reclaman unha explicación completa da situación e das accións previstas para garantir a seguridade.

Pilar Vázquez trasladou tamén ao equipo de goberno municipal a disposición do seu grupo para colaborar en todas aquelas iniciativas que teñan como obxectivo defender os intereses da veciñanza. Segundo indicou, o momento require responsabilidade institucional, información contrastada e unha resposta á altura das circunstancias por parte de quen ten as competencias nesta materia.

Ademais, o BNG anunciou que levará esta cuestión ao Parlamento de Galicia para solicitar explicacións á Xunta e reclamar toda a información dispoñible sobre o estado do DBR, así como sobre as medidas que se contemplan para afrontar esta situación.

A formación quixo tamén reiterar o seu apoio á continuidade da actividade industrial de Alcoa e á conservación dos postos de traballo, que considera fundamentais para a economía de Xove e do conxunto da Mariña. Ao mesmo tempo, defende que o desenvolvemento industrial debe ir acompañado do estrito cumprimento da normativa ambiental, da máxima transparencia e da garantía de que a actividade da planta non supoña ningún risco para a saúde da poboación nin para o medio ambiente.

0.11655497550964