O BNG de Xove reclama medidas para reforzar a seguridade viaria en Lago e Palmeiro

O BNG de Xove levou ao Pleno ordinario do mes de outubro varias propostas relacionadas coa seguridade viaria e coa comunicación dos cortes de subministración de auga, co obxectivo de reducir riscos e mellorar a protección da veciñanza.
Unha das iniciativas, presentada polo concelleiro Miguel X. García Rodríguez, recupera unha demanda formulada xa en 2023 para actuar nas inmediacións do Centro Social de Lago, concretamente na vía de acceso ao tecido industrial de Lago e ao polígono de Morás. O BNG considera necesario incorporar medidas que permitan reducir a velocidade dos vehículos e incrementar a seguridade neste punto, especialmente para as persoas que se desprazan a pé e para as familias residentes nas proximidades.
A segunda proposta, presentada pola concelleira e portavoz municipal, Pilar Vázquez Sánchez, céntrase na situación existente en Palmeiro. Segundo explica o BNG, os elementos instalados para evitar as saídas da vía non ofrecen unha protección suficiente, xa que rematan antes da curva. O grupo considera especialmente sensible este tramo, onde hai catro anos se produciu un accidente no que faleceron catro mozos, polo que reclama revisar as medidas actuais e adoptar as actuacións necesarias para mellorar a seguridade.
Durante o pleno, o BNG tamén reclamou que a veciñanza sexa informada previamente dos cortes de auga que poidan ser planificados. A formación propón empregar as redes sociais municipais ou colocar avisos escritos nos portais das zonas afectadas.
A proposta non se dirixe ás avarías ou incidencias imprevistas que requiran unha actuación urxente, senón aos cortes que poidan programarse e comunicarse con antelación. Segundo o BNG, informar previamente permitiría ás familias tomar as precaucións necesarias e evitar molestias ou problemas derivados da falta de subministración sen aviso previo.
A formación considera que estas son medidas sinxelas que poden contribuír a previr riscos, reforzar a seguridade e mellorar a comunicación coa veciñanza, favorecendo así o funcionamento dos servizos municipais.