O BNG de Viveiro reclama ampliar a beirarrúa da LU-862 no proxecto da glorieta da Misericordia

O BNG de Viveiro presentará alegacións ao proxecto da glorieta da Misericordia para reclamar que se amplíe tamén a beirarrúa da marxe esquerda da LU-862, no tramo comprendido entre o Ecce Homo e a Cruz Vermella. A formación considera que esta intervención é necesaria para mellorar a seguridade e a accesibilidade nunha zona moi transitada, próxima ao Centro de Formación Ocupacional, ao colexio Lois Tobío e ás instalacións da Cruz Vermella.
O concelleiro nacionalista Seve Salgueiro sinala que a beirarrúa actual apenas permite circular con comodidade e que os vehículos pasan moi preto dos peóns. Segundo explica, cando coinciden varias persoas, algunhas vense obrigadas a invadir a calzada para poder continuar o seu percorrido.
A formación lembra que os técnicos municipais xa propuxeran ampliar este espazo e incorporar un paso de peóns no cebreado do cruzamento co paseo marítimo. Estas melloras aparecen recollidas nas achegas trasladadas ao proxecto da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que se atopa en exposición pública, pero finalmente quedaron fóra da actuación. A xustificación ofrecida foi que a negociación das cesións dos terreos necesarios podería atrasar os prazos.
O BNG considera que esa circunstancia non debería impedir unha intervención que, ademais de facilitar os desprazamentos a pé, permitiría renovar os servizos urbanos do tramo. Entre as actuacións que propón figuran a actualización das redes de abastecemento e saneamento, o soterramento das telecomunicacións e a mellora da iluminación pública.
A portavoz municipal e candidata á Alcaldía, Iria Cotelo, cuestiona a planificación do goberno local e afirma que a alcaldesa, Mariña Gueimunde, leva dous anos anunciando a obra sen solicitar as cesións necesarias. Ao seu xuízo, deixar fóra esta parte obrigaría a buscar financiamento posteriormente e podería provocar novas obras e cortes de tráfico.
A formación lembra tamén que o tramo está incluído no I Plan de Mellora da Accesibilidade de Viveiro como Área de Consideración Especial e cunha prioridade de actuación alta. Por iso, reclama ao Concello e á Xunta que aproveiten o proxecto da glorieta para executar unha intervención integral.