O BNG de Viveiro propón elaborar un estudo sobre a situación do mercado residencial

AMariñaXa
A moción reclama unha análise actualizada do parque residencial, dos prezos e do impacto dos diferentes usos turísticos para orientar futuras políticas municipais
Reunión-veciñal-Magazos-BNG-Viveiro-2026
6 Oct 2026

O BNG de Viveiro levará ao próximo pleno municipal unha moción para impulsar a elaboración dun estudo-diagnose sobre a situación do mercado residencial no municipio. A iniciativa pretende coñecer con maior precisión a realidade da vivenda e dispoñer dunha base que permita deseñar políticas municipais destinadas a facilitar o acceso á residencia habitual.

A proposta está presentada pola portavoz municipal e candidata do BNG á Alcaldía, Iria Cotelo, quen considera necesario contar cunha visión global e actualizada da situación residencial de Viveiro. Segundo explica a formación, existen datos procedentes de distintas fontes sobre poboación, vivenda, prezos ou actividade turística, pero a diversidade das fontes e dos períodos de referencia dificulta dispoñer dun diagnóstico conxunto da realidade do municipio.

"Para poder tomar decisións acertadas primeiro temos que saber que está pasando e analizar a realidade residencial do concello no seu conxunto", sinala Cotelo.

O BNG propón que o estudo se desenvolva preferentemente coa colaboración dunha universidade pública ou dunha entidade especializada, co obxectivo de contar cunha análise específica, independente e actualizada do mercado residencial de Viveiro.

A moción formula que o diagnóstico examine as características e os diferentes usos do parque de vivendas, distinguindo entre residencia habitual, vivendas baleiras, segundas residencias e inmobles de utilización esporádica. Tamén se propón analizar a evolución e distribución dos prezos de venda e alugueiro, así como a oferta real dispoñible para residencia habitual.

Outro dos aspectos que o BNG considera necesario abordar é a incidencia dos usos turísticos sobre o parque residencial. Para iso, a formación pide diferenciar entre apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico, ademais de estudar a súa distribución e evolución no conxunto do municipio.

"Non podemos falar da situación da vivenda en Viveiro como se fose igual en todas partes. É importante saber que está acontecendo nas diferentes zonas, parroquias e núcleos e identificar onde existe unha maior presión sobre o mercado residencial", explica a portavoz nacionalista.

Para o BNG, o propósito final é que o estudo se converta nunha ferramenta útil para orientar as futuras políticas municipais de vivenda e responder ás necesidades da veciñanza.

"Ter unha vivenda digna e adecuada é un dereito, e como tal, dende o Concello debemos facer todo o posible para facilitar o acceso á vivenda habitual e responder ás necesidades da veciñanza. Para iso, primeiro precisamos coñecer ben a realidade de Viveiro", afirma Cotelo.

A portavoz do BNG considera que a elaboración deste diagnóstico constituiría o punto de partida para definir actuacións municipais neste ámbito. "Este estudo sería un primeiro paso imprescindible para construír unha política de vivenda útil para Viveiro", conclúe.

0.13947796821594