O BNG de Viveiro inicia as reunións veciñais para deseñar o Plan Parroquias 2027-2031

O BNG de Viveiro iniciou unha nova rolda de encontros coa veciñanza das parroquias do municipio co obxectivo de elaborar, de maneira participativa, o Plan Parroquias 2027-2031, un documento que pretende recoller as principais necesidades de cada núcleo e establecer as actuacións prioritarias para o próximo mandato municipal.
A formación nacionalista explica que este proceso permitirá realizar unha diagnose da realidade das distintas parroquias e definir propostas concretas a partir das demandas trasladadas directamente polas persoas residentes. A intención é establecer unha planificación realista e vinculada ás necesidades detectadas en cada territorio.
Segundo o BNG, a iniciativa dá continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos e forma parte da preparación da proposta de goberno coa que a formación concorrerá ás eleccións municipais de maio de 2027.
A portavoz municipal e candidata do BNG á Alcaldía, Iria Cotelo, sinala que o obxectivo é estar preparados para comezar a traballar desde o primeiro día no caso de recibir novamente a confianza da veciñanza. "Se a veciñanza nos dá a oportunidade de volver gobernar, queremos estar preparados para comezar a traballar desde o primeiro día, cunha folla de ruta clara e elaborada a carón da xente", afirma.
Cotelo tamén destaca o papel da participación cidadá na definición das prioridades para as parroquias. "Un Viveiro mellor é posible, pero temos que construílo entre todas e todos", apunta. Neste sentido, considera que o Plan Parroquias pretende incorporar "a visión e as propostas da xente que coñece e vive cada día a realidade do noso concello".
Primeiras reunións
A primeira das reunións está prevista para este martes 6 de outubro, ás 19.00 horas, na escola de San Andrés de Boimente. O calendario continuará o xoves 8 de outubro na escola de Chavín e o sábado 10 de outubro na Casa do Forno de Celeiro, tamén ás 19.00 horas.
O BNG fai un chamamento á participación nestes encontros e anima as veciñas e os veciños a achegar as súas propostas, necesidades e prioridades para o futuro das súas respectivas parroquias.
As reunións prolongaranse durante as próximas semanas polo resto das parroquias de Viveiro, co propósito de completar o proceso de elaboración do Plan Parroquias 2027-2031.