O BNG de Viveiro percorrerá as parroquias para definir as prioridades do próximo mandato

O BNG de Viveiro continuará durante os meses de outubro e novembro a súa rolda de encontros coa veciñanza das diferentes parroquias do municipio. O proceso, que xa comezou en Magazos, servirá para avanzar na elaboración do Plan Parroquias 2027-2031, co que a formación nacionalista pretende establecer as actuacións prioritarias de cada núcleo de cara ao seguinte mandato municipal.
A iniciativa busca construír unha folla de ruta a partir das demandas trasladadas directamente polos veciños e veciñas. O Bloque pretende así identificar as principais necesidades de cada zona e incorporalas a unha planificación concreta para o período comprendido entre 2027 e 2031.
Estas reunións dan continuidade, segundo explica a formación, ao traballo de proximidade que vén desenvolvendo nos últimos anos. O BNG defende o contacto directo coa veciñanza como unha das ferramentas para coñecer os problemas das parroquias e establecer prioridades atendendo á realidade de cada unha delas.
A portavoz municipal e candidata do BNG á Alcaldía de Viveiro nas eleccións de maio de 2027, Iria Cotelo, sinala que este modelo de participación permitirá elaborar un proxecto adaptado ás necesidades do municipio.
"Levamos anos mantendo estas reunións porque entendemos que é a maneira de construír un proxecto de concello realista, contando coa voz e coa participación da veciñanza das parroquias, que é quen mellor coñece as necesidades de cada lugar", afirma Cotelo.
UN PLAN PARA O PERÍODO 2027-2031
O resultado deste proceso será o Plan Parroquias 2027-2031, no que o BNG quere transformar as propostas e demandas recollidas durante as xuntanzas nunha planificación das actuacións que considera necesarias para o próximo mandato.
A formación anima a participar nos encontros e a trasladar cuestións relacionadas cos servizos, infraestruturas ou calquera outra necesidade que afecte aos diferentes núcleos rurais de Viveiro.
Tras iniciar a rolda en Magazos, as reunións continuarán durante outubro e novembro polo resto das parroquias. O BNG avanzou que dará a coñecer nos próximos días o calendario completo, cos lugares e datas previstos para cada unha das xuntanzas.