O BNG de Ribadeo traslada ao Consello de Contas posibles irregularidades nas obras do Hospital-Asilo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribadeo informou de que puxo en coñecemento do Consello de Contas posibles irregularidades detectadas na xestión das obras de reforma do Hospital-Asilo. A decisión chega tras varios meses de tensión co goberno municipal, ao que acusan de impedir o acceso á documentación e de incumprir compromisos de información cos grupos da oposición.
O portavoz municipal do BNG, Martín Graña, cualificou a situación de “escandalosa” e sostivo que a propia acta de comprobación das obras correspondente ao mes de decembro recolle o pagamento de partidas económicas que non se corresponderían con traballos efectivamente executados.
Segundo denunciou, poderíase estar a pagar con fondos públicos por actuacións “que non existen na realidade”, o que suporía un risco tanto legal como económico para o Concello, especialmente no relativo ás subvencións vinculadas ao proxecto. Neste sentido, advertiu da posibilidade de que o municipio se vexa obrigado a devolver axudas xa recibidas se se confirman as irregularidades.
Desde o BNG lembran que a reforma debía estar rematada en abril de 2025, segundo os prazos fixados no contrato, pero denuncian que as obras están paralizadas desde novembro de 2025, sen avances visibles desde entón.
Graña criticou tamén a situación do servizo que debería prestar o inmoble, que permanece sen actividade mentres, segundo indicou, “as instalacións seguen pechadas e a xestión baixo sospeita”. Para o portavoz nacionalista, trátase dun problema que afecta directamente ás familias de Ribadeo que dependen destes recursos sociais.
O grupo municipal asegura ter solicitado ata en tres ocasións, desde febreiro, o acceso ao expediente completo sen obter resposta por parte do goberno local. Ademais, lembran que o alcalde se comprometeu a convocar unha Xunta de Portavoces para explicar a situación, reunión que, segundo afirman, aínda non se celebrou.
“O alcalde utiliza o ocultismo como escudo”, afirmou Graña, quen sostén que a falta de información evidencia unha posible intención de ocultar a realidade da xestión municipal.
Ante esta situación, o BNG decidiu acudir ao Consello de Contas para solicitar unha auditoría dos fondos investidos e das certificacións de obra. “Se non hai nada que agochar, non debería haber problema en amosar os documentos”, sinalou o portavoz, que considera imprescindible esclarecer “ata o último euro” investido no proxecto.