O BNG de Ribadeo denuncia un ano de atraso na finalización das obras do Hospital-Asilo

AMariñaXa
A formación critica a paralización do proxecto e reclama un calendario claro para a súa reactivación
BNG-Ribadeo-Martin-Graña-2025
27 Apr 2026

O BNG de Ribadeo fixo público que esta semana se cumpre un ano desde a data prevista para a finalización das obras do Hospital-Asilo, unha infraestrutura considerada clave para o municipio e que, a día de hoxe, continúa sen rematar e sen sinais de avance.

Desde o grupo municipal nacionalista lamentan que a situación non só non mellorou, senón que o proxecto permanece completamente paralizado, sen previsións claras de reanudación a curto prazo. Un atraso que cualifican de “inxustificable” e que, segundo indican, está a ter consecuencias directas nas persoas usuarias e nas súas familias.

O BNG lembra que os residentes levan preto de tres anos fóra das instalacións, sen un horizonte definido de retorno, o que agrava o impacto social desta demora prolongada. Ademais, critican que segue sen concretarse o modelo de xestión futura do centro, unha cuestión que consideran esencial e sobre a que, aseguran, non se teñen producido avances.

O voceiro do BNG de Ribadeo, Martín Graña, manifestou que “non é aceptable que, un ano despois da data na que as obras deberían estar rematadas, non só non estean finalizadas, senón que ademais continúen totalmente paradas”, apuntando directamente á falta de planificación e xestión do goberno local.

A formación tamén cuestiona a credibilidade do alcalde, Daniel Vega, polas súas reiteradas afirmacións sobre o suposto bo ritmo das actuacións, lembrando que a execución do proxecto xa sufriu paróns significativos, incluíndo unha interrupción de varios meses ao comezo. Neste contexto, subliñan que unha obra prevista para completarse en dezaoito meses está a piques de alcanzar os tres anos de duración.

Outro dos aspectos denunciados polo BNG é a falta de acceso á información relativa ao proxecto. Segundo indican, tras solicitar en varias ocasións a documentación completa sen obter resposta, consideran que esta situación evidencia unha preocupante falta de transparencia e dificulta o labor de control da oposición.

Ante este escenario, o grupo nacionalista esixe a reactivación inmediata das obras e a presentación dun calendario público e detallado que permita coñecer os prazos reais de finalización. Así mesmo, insta ao executivo local a definir sen máis demora un modelo de xestión pública para o Hospital-Asilo.

“Ribadeo non pode seguir asumindo atrasos nin explicacións sen contido. É necesario actuar con responsabilidade e dar solución a unha situación que xa se prolonga demasiado no tempo”, concluíu Graña.

0.1314480304718