O BNG de Ribadeo cualifica de "despropósito" o gasto de 190.000 euros no pavillón da rúa Alfredo Deaño

AMariñaXa
Raquel Ferreira denuncia que, tras un elevado investimento de cartos públicos, a instalación segue a sufrir importantes deficiencias e os problemas persisten
bng-ribadeo
4 Jul 2026

O BNG de Ribadeo denunciou publicamente o "fiasco e a nula eficiencia" na xestión das obras do pavillón polideportivo da rúa Alfredo Deaño. A formación nacionalista cualifica de "intolerable" que, tras destinar un investimento de 190.000 euros de fondos públicos, o proxecto teña resultado ser un lavado de cara superficial que deixa o recinto arrastrando as mesmas problemáticas estruturais de sempre, sen cumprir cos compromisos adquiridos co tecido deportivo local.

A concelleira do BNG, Raquel Ferreira, botou man da hemeroteca para poñer en evidencia ao alcalde, Daniel Vega, quen en varias ocasións utilizou a mofa para criticar o estado no que se atopaba a instalación afirmando textualmente que "existían máis caldeiros dentro do pavillón que en todo Ribadeo".

"A ironía do alcalde volveuse na súa contra", sinalou Ferreira. "Despois de meter 190.000 euros de cartos públicos, os problemas que viña sufrindo o recinto seguen sen solucionarse. O señor Vega gastou unha cantidade inmensa de diñeiro e os clubs e as familias de Ribadeo teñen que seguir esquivando a mesma colección de caldeiros de sempre porque o goberno non foi quen de resolver as filtracións nin as deficiencias da cuberta".

Porén, dende o BNG advirten que a falta de eficacia vai moito máis alá. A formación lembra que o goberno do PP anunciou un paquete de reformas que ían solucionar de xeito definitivo o deterioro xeral do pavillón. Na realidade, a gran maioría desas actuacións anunciadas a bombo e prato na prensa non serviron para nada.

"Venderon unha renovación histórica e o que fixeron foi unha chapuza. Onde están as melloras prometidas? En que se gastaron exactamente os 190.000 euros se o pavillón segue a padecer o mesmo abandono?", preguntouse a concelleira nacionalista, quen cualificou o proxecto como un exemplo perfecto de "propaganda sen xestión".

Para o BNG, este caso demostra unha total falta de rigor e de supervisión por parte do goberno local á hora de controlar as obras que realiza o Concello. "Imos pedir que o alcalde explique por que se deu por boa unha obra que non da resposta as necesidades reais das persoas usuarias. Ribadeo merece infraestruturas deportivas dignas e un goberno que, en vez de buscar o titular fácil, se tome en serio o diñeiro da veciñanza.

"Agardamos que Vega non se desfixera dos caldeiros dos que tanto falaba porque aínda os necesita", concluíu Ferreira.

0.12715220451355