O BNG de O Vicedo reclama solucións urxentes tras o incendio no Punto de Atención á Infancia

AMariñaXa
Os nacionalistas propoñen a reubicación provisional no CEIP e medidas para garantir a conciliación das familias
BNG-Vicedo-2026
26 Apr 2026

O incendio rexistrado o pasado martes nas instalacións do Punto de Atención á Infancia (PAI) de O Vicedo deixou o servizo completamente suspendido, xerando unha situación de incerteza entre as familias usuarias e o persoal. Ante este escenario, o BNG, a través do seu portavoz municipal, Miguel Gómez, urxe ao goberno local a adoptar medidas inmediatas que permitan restablecer a atención á infancia no menor tempo posible.

Desde a formación nacionalista consideran que a paralización deste servizo supón un grave problema de conciliación nun concello de pequeno tamaño. Gómez subliña que “non é asumible que as familias e o persoal teñan que agardar por solucións a longo prazo sen contar cunha alternativa inmediata e segura”, incidindo ademais en que calquera opción provisional debe evitar custos adicionais ou dificultades loxísticas.

Entre as propostas formuladas polo BNG figura a habilitación urxente de espazos no CEIP O Vicedo para acoller de maneira temporal o PAI. Segundo explican, esta opción sería a máis axeitada ao tratarse dun centro que xa dispón das condicións necesarias en materia de seguridade e adaptación para a atención á infancia.

No caso de que a solución provisional implicase un traslado a outra localización, incluso fóra do casco urbano ou noutro municipio, os nacionalistas reclaman que o Concello asuma ou facilite un servizo de transporte. Esta medida debería cubrir tanto aos menores como ao persoal, evitando así que o incidente teña repercusións económicas nas familias e nas traballadoras.

Outra das cuestións que o BNG considera clave é o mantemento do actual cadro de persoal no servizo provisional, co obxectivo de preservar a estabilidade emocional dos nenos e nenas nun contexto xa marcado polo cambio de instalacións.

Ademais, propoñen a creación dunha liña de axudas extraordinaria destinada a aquelas familias que non poidan facer uso da alternativa habilitada, para facer fronte aos gastos derivados de coidados externos.

Por último, a formación solicita ao goberno local a elaboración dun informe técnico detallado sobre o estado das instalacións afectadas polo incendio, así como a definición dun calendario de actuacións que permita a reapertura do PAI no menor prazo posible. Este documento, sinalan, debería ser comunicado con transparencia ás familias usuarias.

0.10418605804443