O BNG de Foz reclama o arranxo do acceso á Ermida e actuar no río Centiño para previr riscos

O BNG de Foz levará ao próximo Pleno municipal dúas mocións coas que pretende reclamar actuacións sobre dous puntos do municipio que, segundo a formación, arrastran problemas desde hai anos. Unha das propostas céntrase no antigo trazado da LU-152 que enlaza coa LU-P-3101 e dá acceso á Ermida, mentres que a segunda solicita a limpeza e acondicionamento do paso do río Centiño baixo a vía ferroviaria nos barrios de Río e Porto, en San Martiño.
No primeiro caso, os nacionalistas instarán á Xunta de Galicia a acondicionar un treito duns 100 metros do antigo trazado da LU-152, que continúa empregándose como conexión coa estrada provincial LU-P-3101 e que, segundo denuncian, presenta un importante deterioro.
O BNG destaca a relevancia deste pequeno tramo ao tratarse do único acceso desde Foz para a veciñanza da Ermida. A vía soporta ademais tráfico pesado vinculado ás explotacións agrogandeiras e á actividade forestal da zona, con paso habitual de camións destinados ao transporte de leite, madeira ou pensos.
"É un tramo moi pequeno, pero imprescindible para a veciñanza e para a actividade económica da zona. Non ten sentido que leve tanto tempo nun estado tan deficiente", sinala o portavoz municipal do BNG, Francisco Xavier Fanego.
A formación asegura que os veciños xa trasladaron esta situación aos responsables autonómicos do mantemento das estradas e que en 2024 recibiron verbalmente o compromiso de que se acometería o arranxo. Porén, sosteñen que desde aquela non recibiron información sobre a execución da actuación nin sobre posibles prazos.
"Pasaron xa dous anos desde aquel compromiso que nos trasladan os veciños e seguimos sen coñecer cando se vai actuar. O que pedimos é que se dea unha resposta clara e se arranxe dunha vez este acceso", engade Fanego.
PREVENCIÓN
A segunda iniciativa que chegará ao Pleno dirixe a atención cara ao río Centiño ao seu paso por Río e Porto, na parroquia de San Martiño. Neste punto, o cauce atravesa por debaixo do terraplén ferroviario mediante un paso de dimensións limitadas.
O BNG alerta de que tanto este punto como as zonas inmediatamente anteriores e posteriores presentan unha importante presenza de maleza e silvas, unha situación que, ao seu xuízo, pode facilitar que se acumulen polas e outros materiais e dificultar a circulación da auga durante episodios de precipitacións intensas.
A formación sinala, baseándose na información facilitada pola veciñanza, que nos últimos quince anos só se tería realizado unha actuación de limpeza e mantemento nas ribeiras deste tramo.
"Trátase dun punto situado a carón de zonas habitadas e no que unha obstrución do paso da auga podería provocar retencións augas arriba", advirte Fanego, quen considera que, de confirmarse a escasa frecuencia das actuacións trasladada polos residentes, sería necesario establecer "un mantemento máis continuado e preventivo".
Por este motivo, o BNG solicitará que Adif, en coordinación con Augas de Galicia e co resto das administracións competentes, inspeccione o paso do Centiño baixo a infraestrutura ferroviaria e acometa a retirada da maleza, silvas, polas e demais materiais que poidan estar acumulados. A moción pide tamén establecer un programa de mantemento periódico para evitar que a situación se repita.
Para os nacionalistas, as dúas propostas responden á necesidade de actuar antes de que o deterioro das infraestruturas ou a falta de mantemento poidan provocar problemas maiores. "Son problemas coñecidos desde hai tempo e actuacións perfectamente asumibles que poden evitar consecuencias maiores se se actúa con previsión e mantemento", conclúe o portavoz do BNG de Foz.