O BNG de Cervo denuncia a situación co GES por deixar á cidadanía desprotexida

AMariñaXa
Os nacionalistas esixen ás autoridades locais unha resposta inmediata e medidas urxentes
DIEGO-FERNÁNDEZ-MARTÍNEZ-cervo-bng
19 Dec 2024

O BNG de Cervo traslada o que consideran como unha preocupante decisión do goberno municipal ao pechar o servizo de emerxencias que garantía unha atención inmediata á cidadanía. Para os nacionalistas esta medida supón deixar a veciños e veciñas sen un dos servizos esencias para a súa seguridade e benestar.

Así, o portavoz municipal do BNG, Diego Fernández, traslada que dende hai unha década, o Concello de Cervo demostrou unha total falta de compromiso para solucionar as carencias deste servizo de emerxencias, optando no seu lugar por unha xestión ineficaz e neglixente.

Para o BNG “resulta incomprensible que, despois de tantos anos de avisos e queixas, a administración non teña implantado solucións eficaces para garantir un servizo de emerxencias seguro e funcional”. Asegura tamén Fernández Martínez que “o peche deste servizo non só reflicte unha total falta de planificación, senón tamén un desprezo á seguridade dos cidadáns e á integridade dos empregados que, a pesar das condicións precarias, seguiron traballando para prestar atención en tempos de urxencia”.

O BNG de Cervo esixe ás autoridades locais unha resposta inmediata, así como a posta en marcha de medidas urxentes que garantan a reactivación dun servizo de emerxencias adecuado, que cumpra coas normas de seguridade e atenda ás necesidades da cidadanía. Tamén demandan: “Ao PP máis seriedade e rigurosidade, pois é a Xunta de Galicia quen ten as competencias en materia de seguridade, polo que non son de recibo as declaracións de mandatarios do PP derivando o problema cara outras administración, pois aquí hai dous responsables: o concello de Cervo, que á vista dos feitos foi incompetente para xestionar o GES, e a propia Xunta de Galicia que é quen tén as competencias”.

0.15626811981201