O BNG cualifica a tempada estival de Ribadeo como o "verán do caos e do todo vale"

AMariñaXa
Os nacionalistas denuncian problemas co lixo e o mantemento, colapsos de tráfico, deficiencias nas parroquias e falta de información sobre proxectos como o Hospital Asilo
bng-ribadeo-martin-graña-2026
17 Sep 2026

O BNG de Ribadeo pechou o balance da tempada estival cunha dura crítica á xestión do goberno municipal de Daniel Vega, ao que responsabiliza dos problemas rexistrados durante xullo e agosto en ámbitos como a limpeza, o mantemento dos espazos públicos ou a mobilidade. A formación definiu estes meses como o "verán do caos e do todo vale" e considera que puxeron de manifesto unha falta de planificación ante o incremento habitual de visitantes.

Os nacionalistas recoñecen como positiva a elevada ocupación e a afluencia turística pola súa repercusión na economía local, pero sosteñen que o Concello non reforzou suficientemente os servizos para responder ao aumento da poboación durante os meses estivais.

Entre as deficiencias enumeradas polo grupo figuran problemas na recollida do lixo, contedores desbordados ou sucios, falta de mantemento de zonas verdes e mobiliario urbano, rúas e beirarrúas deterioradas e pistas municipais das parroquias sen rozar. O BNG asegura tamén que existen contedores de papel no rural que levan preto dun ano sen ser recollidos.

"Vivimos un verán no que pareceu valer todo, onde a improvisación substituíu á planificación. Daniel Vega e o seu equipo converteron o Concello nunha axencia de eventos mentres os servizos públicos máis elementais caían a cachos", criticou o portavoz municipal nacionalista, Martín Graña.

Críticas ao mantemento e á limpeza

Graña considera que a imaxe transmitida polo goberno municipal non se corresponde coa situación que, segundo o BNG, se viviu diariamente nas rúas. "A saturación de noticias e a repetición constante do ben que vai todo e do que se vai facer a futuro non se corresponde coa realidade", sostivo.

Neste sentido, a formación reclama actuacións en beirarrúas que considera deterioradas, rúas e pistas que precisarían rebacheado e na rede de sumidoiros, sobre a que advirte dunha falta de limpeza e mantemento.

Os nacionalistas poñen especialmente o foco en Cabanela, onde aseguran que os episodios de choiva continúan provocando desbordamentos de augas sucias, cos problemas de salubridade que isto pode ocasionar.

O BNG estende as críticas ás parroquias, onde denuncia falta de roza nalgunhas pistas municipais, e á xestión dos residuos durante unha época na que a elevada presenza de visitantes incrementa as necesidades dos servizos públicos.

Retencións e problemas de mobilidade

Outro dos puntos centrais do balance nacionalista é a mobilidade. A formación lembra as retencións rexistradas coincidindo co inicio das obras da avenida de América en agosto e asegura que as colas na entrada de Ribadeo chegaron a superar os dous quilómetros.

Para o BNG, comezar estes traballos en plena tempada alta evidenciou unha falta de previsión. O grupo cuestiona tamén a organización dalgúns dos numerosos eventos celebrados durante o verán, ao asegurar que houbo veciños que atoparon dificultades para sacar os vehículos dos seus garaxes ou para abandonar aparcadoiros municipais pola instalación de escenarios e outras estruturas.

Os nacionalistas non cuestionan a celebración de actividades, pero reclaman unha planificación que permita compatibilizalas co funcionamento habitual da vila e minimice as molestias para os residentes.

O Hospital Asilo, entre as cuestións pendentes

O balance do BNG vai máis alá da tempada estival e recupera tamén as críticas pola situación das obras do Hospital Asilo. A formación asegura que transcorreron meses sen novidades sobre a evolución do proxecto e reclama explicacións públicas sobre o seu estado.

Graña cuestiona igualmente o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos polo PP durante a campaña electoral e acusa o goberno local de realizar un elevado gasto sen que, ao seu xuízo, se materialicen actuacións que dean resposta ás principais necesidades da veciñanza.

O portavoz nacionalista contrapuxo finalmente o actual modelo municipal coa alternativa que pretende representar o BNG de cara ás próximas eleccións. "Só quedan uns meses para que o pobo de Ribadeo tome a palabra e decida nas urnas se quere seguir instalado neste goberno claramente insuficiente ou dar o paso cara ao Ribadeo do futuro", concluíu Graña, que defendeu un proxecto centrado nos servizos públicos, a cultura e as necesidades da veciñanza.

0.10412502288818