O BNG cifra en 30 millóns as emendas aos orzamentos da Xunta para A Mariña

AMariñaXa
As propostas inclúen actuacións en vivenda, sanidade, infraestruturas, educación e servizos públicos, ademais da recuperación da VAP Costa Norte
BNG-Mariña-CONSELLO--2026-novembro
5 Nov 2026

O BNG presentou as 28 emendas que formula desde distintos concellos da Mariña ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2026, cunha valoración económica que rolda os 30 millóns de euros. A cifra non inclúe o investimento necesario para desenvolver a Vía de Altas Prestacións (VAP) Costa Norte entre San Cibrao e Ferrol, unha infraestrutura que, segundo os nacionalistas, volve quedar fóra das previsións autonómicas.

A formación considera que as contas presentadas polo Goberno galego manteñen uns investimentos insuficientes para responder ás necesidades da comarca. O deputado mariñán Daniel Castro cualificou os orzamentos como "un non á Mariña por parte do Partido Popular" e defendeu que "A Mariña merece máis".

Entre as propostas destaca a política de vivenda. O BNG pide recuperar inmobles baleiros en Foz para incorporalos ao parque público, promover novas vivendas no Valadouro aproveitando os terreos municipais dispoñibles e executar o programa Rexurbe en Mondoñedo. Tamén reclama máis solo industrial en Barreiros, Muras e O Valadouro para favorecer a implantación empresarial e a creación de emprego.

No ámbito sanitario, as emendas solicitan recuperar o segundo técnico de emerxencias da ambulancia medicalizada con base en Foz, así como restablecer o servizo nocturno da ambulancia de soporte vital básico. A formación tamén propón crear unha praza de enfermaría especializada en obstetricia-xinecoloxía e outra de nutricionista no centro de saúde focense.

As actuacións relacionadas co ciclo integral da auga abranguen varios municipios. Inclúen novas redes de saneamento e melloras na depuradora de Barreiros, actuacións en Suegos, Cabanas, Riobarba e Mosende, renovacións das redes de abastecemento en Viveiro, Xove e Barreiros e a limpeza e drenaxe do encoro do río Baos, en Lourenzá.

En materia de estradas, o BNG reclama impulsar a VAP Costa Norte e acometer a reparación, ampliación e mellora da LU-161, entre Viveiro, Ourol e O Valadouro.

As propostas educativas contemplan melloras nas instalacións deportivas dos centros de Burela, actuacións de accesibilidade no CEIP Os Castros e no IES Monte Castelo e medidas de eficiencia enerxética. Tamén solicitan ampliar a oferta formativa do IES de Foz, especialmente vinculada á hostalaría e ao turismo, e reformular o programa Retorna Talento.

O documento incorpora ademais a creación dunha nova praza xudicial en Viveiro para facer fronte á carga de traballo do Tribunal de Instancia, que presta servizo a sete concellos da Mariña Occidental. Completan as emendas o remate da senda peonil entre Alfoz e O Valadouro, a rexeneración do río Masma, un paseo fluvial no río Baos e obras de rehabilitación no Centro de Día de Lourenzá.

0.18593502044678