O BNG analiza en Mondoñedo os problemas da vivenda e reclama máis compromiso coa área Rexurbe

AMariñaXa
A formación nacionalista reuniu expertos e representantes públicos nunha xornada centrada na recuperación dos cascos históricos, a rehabilitación urbana e as dificultades de acceso á vivenda para a mocidade
BNG-Mariña-Mondoñedo--casco-historico-2026
9 May 2026

O BNG celebrou en Mondoñedo unha nova xornada de debate arredor da situación da vivenda na Mariña, unha problemática que, segundo sinalaron os participantes, afecta de maneira crecente á poboación e especialmente á xente nova. O encontro, baixo o título “A vivenda nos cascos históricos. Retos e solucións”, reuniu representantes políticos e especialistas para analizar propostas vinculadas á rehabilitación, a recuperación dos espazos urbanos e o acceso a unha vivenda digna.

Na actividade participaron os concelleiros mindonienses Pepa Carballeira e Eloi Cabanas, ademais do deputado Daniel Castro. A sesión contou tamén coa presenza do arquitecto Xaquín Moreda González, concelleiro de Servizos Urbanos en Pontevedra, e da doutora en Xeografía e Historia pola USC María Xosé Piñeira.

Durante a súa intervención, Xaquín Moreda expuxo a experiencia desenvolvida en Pontevedra en materia de recuperación do espazo público, facendo fincapé na prioridade do peón fronte ao tráfico rodado, na mellora da accesibilidade e na creación de espazos urbanos máis sostibles e pensados para a convivencia cidadá. O arquitecto defendeu modelos urbanos centrados na mobilidade activa, na peonalización e na rexeneración de zonas degradadas, poñendo como exemplo actuacións que transformaron a fisionomía da cidade pontevedresa.

Outro dos asuntos destacados da xornada foi a situación da área Rexurbe de Mondoñedo. O concelleiro Eloi Cabanas criticou os atrasos acumulados no desenvolvemento deste proxecto impulsado pola Xunta e asegurou que os prazos comprometidos inicialmente non se están cumprindo. Segundo lembrou, a declaración da área de rexeneración urbana incluía actuacións previstas en varios inmobles do casco histórico e un plan de dinamización específico que, ao seu xuízo, apenas avanzou desde a súa aprobación.

Desde o BNG consideran insuficiente o grao de execución acadado ata o momento e lembran que xa trasladaran esta preocupación ao Parlamento galego. A formación nacionalista entende que, despois de máis de cinco anos desde a posta en marcha da iniciativa, os resultados seguen sendo moi limitados nun municipio pioneiro neste tipo de actuacións.

Pola súa banda, María Xosé Piñeira centrou a súa intervención na evolución do mercado inmobiliario e nas dificultades económicas que afrontan moitas familias para acceder a unha vivenda. A experta advertiu de que os prezos tanto da compra como do alugueiro continúan medrando por riba dos salarios, o que incrementa o esforzo financeiro necesario para acceder a un fogar.

Tamén apuntou que nos últimos anos aumentou o número de fogares mentres descendeu notablemente a construción de novas vivendas, unha situación que, segundo explicou, está xerando un importante desequilibrio entre oferta e demanda. Piñeira defendeu a necesidade de apostar pola rehabilitación de inmobles xa existentes, regular as vivendas de uso turístico e impulsar un modelo de vivenda protexida con carácter permanente.

A xornada en Mondoñedo forma parte dun ciclo de encontros que o BNG está a desenvolver en distintos puntos da comarca co obxectivo de abrir debate arredor dun dos asuntos que máis preocupación está a xerar actualmente entre a veciñanza mariñá.

0.12306785583496