O BNG carga contra a variante leste de Viveiro e acusa á Xunta de impulsar "un auténtico retroceso"

O BNG de Viveiro elevou o ton contra a variante leste e cualificou de "erro grave" a decisión da Xunta de continuar coa licitación para redactar o proxecto. A portavoz municipal e candidata á Alcaldía, Iria Cotelo, sostén que o Goberno autonómico "vai na dirección errada" e reclama que se abandone unha proposta que, ao seu xuízo, non solucionará os problemas de mobilidade do municipio.
A formación nacionalista considera que continuar coa tramitación supón investir tempo e recursos públicos nunha infraestrutura que nace cunha ambición menor que outras alternativas estudadas anteriormente. "Non se perdan máis tempo e cartos públicos en redactar proxectos que non van resolver as necesidades de Viveiro", reclama Cotelo.
O BNG pon sobre a mesa como alternativa os documentos elaborados no marco da VAC Costa Norte, concretamente o Estudo Informativo San Cibrao-Ferrol de 2003 e o Proxecto de Trazado e Estudo de Impacto Ambiental San Cibrao-O Barqueiro de xullo de 2010. Segundo Cotelo, trátase de propostas "moito máis ambiciosas e resolutivas para mellorar as comunicacións e abordar o problema do tráfico en Viveiro".
A portavoz asegura, ademais, que esa documentación continúa arquivada nas propias dependencias municipais e considera "incomprensible" que o Goberno autonómico deixase de lado estas alternativas "sen ofrecer explicacións cribles".
As críticas nacionalistas apuntan directamente ao Partido Popular. Cotelo sostén que o PP mantivo durante anos paralizadas as solucións para as comunicacións de Viveiro e que agora pretende presentar como un avance unha actuación que, para o BNG, supón precisamente o contrario.
"O Partido Popular está en débeda con Viveiro. Non só tivo durante anos todo parado, senón que agora, cando simula que fai algo, faino costa abaixo e sen freos, licitando unha estrada que non vai resolver as necesidades da nosa vila", afirma. A candidata nacionalista chega a definir a proposta como "unha estrada do século XIX para afrontar os problemas do Viveiro do século XXI".
O BNG tamén cuestiona a posición do PP de Viveiro, ao que acusa de "celebrar este retroceso como un éxito" e de facelo, ademais, "en solitario", asegurando que "Por Viveiro nin aparece xa na foto". Para Cotelo, a postura dos populares evidencia que "a súa prioridade parecen ser os intereses do Partido Popular, non os intereses da cidadanía".
A formación advirte, ademais, das consecuencias que podería ter a execución desta infraestrutura sobre o futuro desenvolvemento do municipio. "Se isto continúa adiante, pode converterse nunha das maiores hipotecas para o desenvolvemento de Viveiro nas próximas décadas, como xa sucedeu no seu momento co desvío da A-8", alerta Cotelo.
Outro dos puntos que centra as críticas do Bloque é a tramitación seguida polo Goberno autonómico. Segundo denuncia a formación, a Xunta sacou a licitación o proxecto sen responder previamente ás alegacións presentadas por colectivos, partidos políticos e cidadanía, entre elas as formuladas polo propio BNG.
Cotelo considera que esta forma de proceder evidencia unha falta de vontade para escoitar a posición do municipio antes de avanzar cunha infraestrutura que condicionará o seu futuro. "É unha mostra máis de que pouco lles importa o que pensa a xente que aquí vive. Non se pode planificar o futuro de Viveiro ignorando precisamente ás persoas que van ter que soportar as consecuencias", conclúe.