O BNG alerta da delicada situación económica do Concello de Ribadeo tras un informe oficial

AMariñaXa
A formación nacionalista pide medidas urxentes e acusa ao goberno local de falta de control na xestión
BNG-Ribadeo-Martin-Graña-2025
4 May 2026

O BNG de Ribadeo fixo pública a súa preocupación pola situación financeira do Concello despois de coñecerse o informe de fiscalización das entidades locais galegas correspondente ao exercicio 2024, elaborado polo Consello de Contas. Segundo este documento, o municipio presenta indicadores negativos clave, como o aforro neto e o remanente de tesourería axustado, o que o sitúa entre os concellos con peores datos económicos dos analizados.

O portavoz nacionalista, Martín Graña, advertiu de que estes resultados confirman unha tendencia que, segundo lembrou, o seu grupo leva tempo denunciando. “A situación non deixa de empeorar mentres o goberno local mira cara outro lado”, afirmou, ao tempo que sinalou que Ribadeo se atopa nun escenario de especial vulnerabilidade financeira.

Entre os datos que destacou, Graña puxo o foco na caída do aforro municipal, que cifrou nun descenso superior ao 134% entre 2023 e 2024. Ao seu xuízo, esta evolución responde a unha xestión “sen control nin planificación”, da que responsabiliza ao executivo local.

O portavoz tamén incidiu noutros indicadores que, segundo dixo, agravan o panorama, como o incremento da débeda nos últimos anos ou o elevado período medio de pago a provedores, o máis alto da Mariña. “Estamos a falar dunha dinámica preocupante que xa está a ter efectos reais”, sinalou, en referencia a atrasos nos pagos a empresas e profesionais.

Desde o BNG advirten de que esta situación pode limitar a capacidade do Concello para apoiar ao tecido asociativo e reducir o investimento público a curto e medio prazo. Neste sentido, Graña subliñou que a situación económica municipal repercute directamente na vida diaria da veciñanza e no mantemento dos servizos.

A formación reclama ao goberno local explicacións claras e a posta en marcha dun plan rigoroso que permita recuperar a estabilidade financeira. Ademais, reafirma o seu compromiso cunha xestión responsable e asegura que traballará para reverter esta situación e fortalecer o Concello de cara ao futuro.

0.12537503242493