O baloncesto toma a Praza da Mariña coa celebración do 3x3 da Feira do Bonito

Burela comeza a conta atrás para a Feira do Bonito cunha das citas deportivas máis consolidadas da súa programación estival. O torneo de baloncesto 3x3 Feira do Bonito regresa esta semana da man do Club Baloncesto Burela, coa colaboración do Concello de Burela e da Deputación de Lugo, convertendo a Praza da Mariña no epicentro deste deporte durante catro xornadas.
A competición contará con categorías masculinas e femininas Sénior, U18, U16, U14, U12 e U10, e repartirá un total de 2.880 euros en premios. A categoría sénior concentrará os galardóns máis destacados, cun premio de 500 euros para os equipos vencedores.
O torneo dará comezo este mércores coa participación das categorías base e prolongarase ata o venres. Durante estes tres días, os encontros disputaranse en horario de tarde, entre as 20.30 e as 23.00 horas. A última xornada das categorías inferiores incluirá ademais as finais e os tradicionais concursos de triples e de habilidades.
O sábado será a quenda da categoría sénior, que concentrará toda a súa competición nunha única tarde. Os equipos enfrontaranse inicialmente nunha fase de liga con quince partidos de todos contra todos, da que sairán os catro mellores clasificados para disputar a final e o encontro polo terceiro e cuarto posto.
Os partidos desenvolveranse entre as 16.00 e as 22.00 horas. Tras a entrega de premios celebrarase un novo concurso de triples, que servirá para poñer o peche ao torneo.
A organización manterá actualizados os horarios e os resultados a través do blog oficial da competición, facilitando o seguimento dos encontros durante toda a semana.
Desde o Concello de Burela animan á veciñanza e aos visitantes a achegarse á Praza da Mariña para desfrutar dun evento que volverá converter o baloncesto nun dos grandes atractivos da programación previa á Feira do Bonito.