O atleta viveirense Adrián Ben rumbo aos Xogos Olímpicos de Tokio

AMariñaXa
O atleta viveirense Adrián Ben proclamouse campión de España nos 800 metros lisos o que lle da o billete para os Xogos Olímpicos de Tokio.
adrian ben campionato 800 metros lisos RFEA
28 Xuño 2021

O atleta viveirense Adrián Ben proclamouse campión de España nos 800 metros lisos, no campionato celebrado onte en Getafe o que lle da o billete para os Xogos Olímpicos de Tokio.

O deportista viveirense compite actualmente co club F.C. Barcelona e, este fin de semana, disputaba o Campionato de España de Atletismo Absoluto en Getafe. Cun tempo de 1:47.07, Ben era o líder da súa proba, o que lle outorgaba o pasaporte para Tokio.

Esta será a primeira cita olímpica para este xoven atleta, pero que acumula xa participacións e éxitos noutras competicións internacionais de calibre. 

Tras rematar a proba e visiblemente emocionado comentou que "o ano pasado foi moi difícil por una lesión no fémur co que non puiden facer unha tempada ao aire libre, pero este ano traballamos moi ben e hoxe ademais tiña unha man axudándome, ao meu adestrador Mariano Castiñeira, que faleceu" e engadiu que "querolle dedicar esta victoria a Mariano, a miña familia e amigos".

En febreiro de 2019 gañou o bronce no Campionato de España de Atletismo en pista cubierta de Antequera, nos 1500 metros, e en setembro proclamouse subcampión de España de 800 metros no Campionato de España de Atletismo ao aire libre celebrado en La Nucía. Unhas semanas despois, no Campionato do Mundo de Atletismo de 2019, en Doha, converteuse no primeiro atleta español en chegar á final dun Campionato do Mundo de Atletismo na proba de 800 metros cunha marca de 1 minuto 44,97 segundos (récord de Galicia). Na gran final disputada en outubro chegou á meta en sexto lugar, conseguindo o mellor posto dun español na historia desta categoría do Mundial.

En febreiro de 2020 en Madrid bateu o récord galego de 800 metros en pista cuberta que levaba 25 anos en posesión de Andrés Díaz, cun tempo de 1:46.60. Uns días despois, en Ourense, gañou a prata no Campionato de España de Atletismo en pista cuberta, nos 800 metros.

0.095474004745483