O aparcadoiro do cemiterio de Mondoñedo conta cunha explanada máis ampla

O Concello de Mondoñedo levou a cabo os traballos de asfaltado da explanada do aparcadoiro do cemiterio municipal, unha intervención destinada a mellorar as condicións de uso deste espazo e renovar un pavimento que se atopaba nun estado moi deteriorado.
A superficie presentaba importantes deficiencias, que se facían especialmente visibles durante os períodos de choiva, cando o mal estado do firme dificultaba o tránsito e o estacionamento dos vehículos. Coa actuación executada, o municipio busca ofrecer unha zona máis acondicionada e funcional.
Ademais da renovación do pavimento, os traballos permitiron dispoñer dunha explanada máis ampla que a existente anteriormente, aumentando así o espazo habilitado para o estacionamento.
Trátase dunha zona cun uso frecuente, tanto por parte dos residentes en Mondoñedo como das persoas que se achegan á cidade para visitar o cemiterio municipal. A intervención pretende, polo tanto, facilitar o acceso e mellorar a comodidade dos usuarios.