O alcalde de Foz e a subdelegada do Goberno revisan avances en proxectos de infraestruturas locais

Foz
AMariñaXa
Durante o encontro, abordaron o estado das obras da nova rotonda no cruce de Gralleira-Ribela, en Cangas, sobre a estrada N-642
REUNIÓN-DO-ALCALDE-DE-FOZ-E-O-CONCELLEIRO-CARLOS-GARCÍA-CON-REPRESENTANTES-DO-GOBERNO-DO-ESTADO
29 sep 2024

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García, mantiveron unha reunión de traballo coa subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e con responsables da Demarcación de Estradas en Galicia, entre eles Ángel González del Río e Beatriz González del Riego, para analizar proxectos clave de infraestruturas no concello. Durante o encontro, abordaron o estado das obras da nova rotonda no cruce de Gralleira-Ribela, en Cangas, sobre a estrada N-642.

Segundo explicou Cajoto, "as obras desta rotonda, cun investimento superior aos 720.000 euros, finalizarán este ano, mentres que a segunda rotonda, no cruce da N-642 coa estrada LU-162, se executará no primeiro semestre de 2025". Estas actuacións son executadas pola empresa Matinsa dentro dun contrato de conservación da rede viaria. O alcalde destacou a importancia destas obras, que considera "moi necesarias por seguridade e para mellorar a mobilidade dos veciños". Tamén subliñou que foron un compromiso electoral cumprido: "Non vendemos fume, traballamos arreo e agora é unha realidade".

A xuntanza tamén permitiu avanzar na mellora da intersección da N-642 coa estrada LU-152 na Corredoira, cuxo proxecto construtivo está a piques de ser aprobado. Esta obra, segundo Cajoto, "beneficiará ás parroquias de Santo Acisclo, Santa Cilla, San Martiño e Vilaronte", especialmente no verán, cando o tráfico no cruce aumenta. Outro tema abordado foi o deseño e aprobación do Terceiro Acceso desde a variante, que mellorará a mobilidade no casco urbano de Foz. Cajoto tamén demandou avances na autovía A-74, fundamental para Foz e toda a comarca da Mariña, co obxectivo de mellorar a conexión e o desenvolvemento da zona.

O equipo de goberno agradeceu á Demarcación de Estradas o impulso dado a estes proxectos, destacando o traballo coordinado entre todas as partes. Carlos García, concelleiro de Relacións Institucionais, subliñou que "seguiremos traballando por mellorar a seguridade e mobilidade, sempre pensando nas persoas".

0.14234018325806