O 9 de setembro será festivo no Valadouro nun pleno que acabou coa expulsión do portavoz do BNG

AMariñaXa
A Corporación deixou sobre a mesa o nome do paseo fluvial para recuperar unha proposta de homenaxe a Xosé Vizoso, mentres o PP rexeitou a moción nacionalista sobre camiños e actividade madeireira
BNG-Valadouro-Eliseo-e-Eduardo-Chao
4 Sep 2026

O pleno do Valadouro estivo marcado polo acordo para recuperar o 9 de setembro como festivo local en 2027 e por un tenso desenlace durante o debate sobre o estado dos camiños municipais, que rematou coa expulsión do portavoz do BNG, Eduardo Chao, por decisión do alcalde, José Manuel Lamela.

A sesión deixou tamén pendente a denominación do paseo fluvial de Ferreira. A Alcaldía propoñía bautizalo como "Paseo dos Músicos do Val", pero durante o debate Chao recuperou unha iniciativa presentada polo BNG en marzo de 2015 para render homenaxe a Xosé Vizoso Vizoso, coñecido como "O mestre do Condado".

Aquela proposta contemplaba dedicar ao mestre unha rúa de Ferreira ou o propio paseo fluvial, ademais de instalar unha placa na súa memoria na Escola do Cadramón. O BNG lembrou que Vizoso foi represaliado durante o franquismo, perdeu a licenza para exercer a docencia e acabou exiliándose no Brasil.

A Corporación optou finalmente por deixar a proposta sobre a mesa para consultar os antecedentes e estudar os dous recoñecementos. Os nacionalistas consideran que a homenaxe aos músicos e a Xosé Vizoso son "perfectamente compatibles e necesarias".

FESTIVOS LOCAIS. Outro dos asuntos destacados foi a elección dos dous festivos municipais de 2027. O pleno acordou que sexan o martes de Entroido e o 9 de setembro, recuperando así unha data que o BNG reclamara xa para este ano e cuxa ausencia como festivo xerara, segundo a formación, malestar entre parte da veciñanza.

Os nacionalistas reivindicaron o acordo como unha rectificación do Goberno local, aínda que aseguran que o debate provocou un primeiro enfrontamento co alcalde.

POLÉMICA NA PRAZA. O PSOE levou tamén ao pleno a situación da praza de Santa María, escenario das festas de Ferreira. Os socialistas preguntaron ao alcalde, José Manuel Lamela, se os festexos se celebrarían finalmente neste espazo pese a que as obras de humanización aínda non estaban completamente rematadas.

Lamela confirmou que a praza sería utilizada para as festas. Ante as preguntas do PSOE sobre a entrega da actuación, o rexedor explicou que a obra aínda non fora entregada pola Administración autonómica, pero que dispoñía dun documento asinado polo director de obra e polo técnico de seguridade e saúde da empresa que permitía unha cesión provisional do espazo durante os días das celebracións.

De feito, coa chegada das festas xa se instalou a carpa na praza, aínda pendente da conclusión definitiva da intervención.

As obras de humanización afectaron á zona leste da praza, nunha superficie de 1.141 metros cadrados. A actuación incluíu a renovación do pavimento, a eliminación de desniveis e a construción de novas beirarrúas para mellorar a accesibilidade e diferenciar os espazos peonís dos destinados á circulación.

O proxecto contempla tamén novas liñas de alumeado, mobiliario urbano, xardineiras móbiles, a substitución da varanda e a limpeza do cruceiro. A actuación foi adxudicada por preto de 187.000 euros ao abeiro dun convenio do Plan Hurbe, cunha achega autonómica superior aos 130.000 euros.

TENSIÓN POLOS CAMIÑOS. O momento máis conflitivo chegou coa moción do BNG sobre a reparación da rede viaria municipal e a aplicación da Ordenanza Reguladora das Actividades Extractivas de Madeira.

A formación reclamaba facer efectiva a modificación da normativa aprobada en marzo, que establece, segundo explica, a presentación dunha fianza por parte das empresas madeireiras antes de iniciar a actividade. O obxectivo sería garantir a reparación dos posibles danos ocasionados polo tránsito de maquinaria pesada.

O BNG pedía igualmente continuar a mellora do vial entre Pedrouzos e Chaíño, cuxa primeira fase fora executada durante a súa etapa á fronte da área de Obras, así como actuar en Villares e na estrada entre Teixeda e Coutemil.

Foi durante este debate cando Lamela ordenou a expulsión de Eduardo Chao. O portavoz nacionalista asegura que se limitaba a rebater ao alcalde no marco do intercambio político e sostén que a decisión careceu de xustificación. O BNG criticou tamén o voto contrario do PP á moción.

"A Lamela non lle gusta recoñecer as verdades nin ter que recuar nin perder votacións", afirmou Chao, que considera especialmente grave que o Goberno municipal rexeitase a proposta para continuar coa reparación dos camiños.

0.95704793930054