Natureza e astronomía únense na Pontenova para seguir a eclipse solar total

A Pontenova converterase o próximo 12 de agosto nun dos escenarios privilexiados para contemplar a eclipse solar total grazas a unha actividade organizada no miradoiro das Penas do Castelo, un dos espazos naturais máis emblemáticos do municipio. A proposta, impulsada polo colectivo Carro Tarabelo, permitirá aos participantes achegarse a este acontecemento astronómico a través dunha experiencia que combinará natureza, divulgación e observación segura.
A xornada dará comezo ás 18.30 horas coa concentración dos asistentes na Praza dos Fornos, onde se repartirán entre as persoas inscritas as lentes homologadas necesarias para seguir a eclipse con todas as garantías. Poucos minutos despois iniciarase unha andaina ata o miradoiro das Penas do Castelo, un percorrido de dificultade media-alta desde o que se poderá presenciar o fenómeno.
Unha vez no destino, os participantes recibirán explicacións sobre as medidas de seguridade que deben adoptarse para observar unha eclipse solar e coñecerán, mediante material divulgativo, como se producen este tipo de fenómenos, as súas diferentes modalidades e as características dunha eclipse total.
A programación incluirá tamén demostracións prácticas empregando caixas estenopeicas, un método de observación indirecta especialmente recomendable para os máis pequenos, ao permitir seguir a eclipse sen mirar directamente ao Sol.
Segundo o horario previsto, o momento de máxima ocultación producirase ás 20.28 horas, cando a Lúa cubrirá completamente o disco solar durante 1 minuto e 44 segundos, ofrecendo unha das imaxes máis espectaculares do calendario astronómico deste ano. A eclipse rematará ás 21.21 horas e, tras a posta do sol, os asistentes emprenderán o regreso á Praza dos Fornos.
A participación é totalmente gratuíta, aínda que está limitada a 40 persoas, polo que será preciso formalizar previamente a inscrición mediante WhatsApp, facilitando os datos identificativos de cada participante.
A organización recomenda acudir con calzado axeitado para camiñar polo monte, roupa de abrigo para facer fronte ao descenso das temperaturas durante a eclipse, ademais de levar auga, algo de comida e unha lanterna ou frontal para realizar con seguridade o último tramo da ruta.