Mondoñedo reflexionará sobre os valores patrimoniais que a identifican como cidade singular

AMariñaXa
A Asociación Cultural Pedregás organiza unha charla-coloquio aberta ao público para analizar o valor histórico, artístico, natural e humanístico da cidade, sen que exista ningún proceso oficial de candidatura a Patrimonio da Humanidade
mondonedo-casa-museo-cunqueiro-pechada
13 May 2026

A Casa Museo Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo acollerá este domingo 17 de maio unha charla-coloquio organizada pola Asociación Cultural Pedregás baixo o título Mondoñedo ¿Patrimonio da Humanidade?, unha proposta pensada para abrir un espazo de reflexión arredor da riqueza histórica e cultural da cidade.

O encontro, aberto ao público e con entrada libre, comezará ás 11.00 horas e estará moderado por membros da propia asociación organizadora. A iniciativa busca fomentar a participación cidadá e o intercambio de opinións sobre os elementos que fan de Mondoñedo un lugar singular desde o punto de vista patrimonial, artístico, natural e humanístico.

Desde a organización aclaran que a actividade non responde á existencia de ningún proceso oficial nin dunha candidatura en marcha para obter o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade, senón que pretende simplemente xerar debate e analizar se a cidade reúne características e valores que poidan relacionarse con ese tipo de distincións internacionais.

Durante o coloquio abordaranse cuestións vinculadas á historia de Mondoñedo, ao seu legado arquitectónico e cultural, á importancia da paisaxe e ao papel que a cidade desempeña como referente cultural e literario en Galicia.

A Asociación Cultural Pedregás anima á veciñanza e ás persoas interesadas no patrimonio a asistir e participar activamente nunha conversa aberta destinada a poñer en valor a identidade e a riqueza cultural mindoniense.

0.11902499198914