Mondoñedo mellora os accesos agrícolas de Tronceda e Os Lamegos cun investimento de máis de 84.000 euros

O Concello de Mondoñedo vén de concluír os traballos de acondicionamento dos accesos a distintas parcelas agrícolas nos lugares de Tronceda e Os Lamegos, unhas actuacións encadradas no Plan Camiña Rural 2025-2026 e que permitirán mellorar a mobilidade e a seguridade nestas zonas do rural mindoniense.
As obras contaron cun financiamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) por importe de 84.873 euros e centráronse na renovación dunhas vías que presentaban un avanzado estado de deterioración debido á súa antigüidade, ao tránsito habitual e aos efectos provocados polas inclemencias meteorolóxicas ao longo dos últimos anos.
Segundo explicou o goberno local, a execución destes traballos sufriu diversos atrasos como consecuencia das condicións climatolóxicas rexistradas durante o inverno, que dificultaron o desenvolvemento normal das actuacións previstas en diferentes puntos do municipio.
O alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, valorou favorablemente a finalización desta intervención, unha demanda que, segundo indicou, levaba tempo sendo trasladada pola veciñanza das zonas afectadas. O rexedor destacou a importancia destas melloras para facilitar o acceso ás explotacións agrarias e contribuír ao mantemento das infraestruturas rurais.
O mandatario local tamén recoñeceu que o mal tempo acumulado nos últimos meses está a condicionar o calendario doutras obras viarias previstas polo Concello. Non obstante, mostrou a súa confianza en que os proxectos actualmente en marcha poidan quedar completados antes de rematar o mes de outubro.
Estas actuacións forman parte do programa de renovación de camiños e vías municipais impulsado polo executivo local desde o inicio da lexislatura. Ademais, desde o Concello sinalan que as intensas precipitacións rexistradas durante o inverno provocaron novos danos en estradas e accesos que inicialmente non estaban incluídos na planificación, polo que se irán executando novas intervencións a medida que sexa posible para responder ás necesidades detectadas no territorio.