Mondoñedo homenaxea a Xosé Vizoso cunha xornada dedicada á súa traxectoria artística

Mondoñedo renderá homenaxe ao artista Xosé Vizoso o vindeiro sábado 17 de outubro, cunha xornada que combinará reflexión, exposición e recoñecemento público á súa traxectoria. Os actos desenvolveranse no Auditorio Municipal Pascual Veiga e completaranse coa inauguración dunha placa na que será a nova rúa Xosé Vizoso.
A programación comezará ás 12.00 horas co faladoiro "Vizoso e nós", no que participarán Pepe Penabade, teatreiro e coordinador do Teatro das Cortes; Pepe Blanco, artista e extraballador de Sargadelos; Caxigueiro, escultor e ceramista; Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo; e Mª Cristina Rubal González, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro da Xunta de Galicia. O encontro estará moderado por Antonio Reigosa.
Unha hora despois, ás 13.20 horas, terá lugar a apertura da exposición "Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo", unha mostra que permanecerá aberta ao público durante os días das celebracións de San Lucas.
A xornada continuará ás 13.45 horas co acto de inauguración e descubrimento da placa da rúa Xosé Vizoso, anteriormente denominada rúa da Fonte. O acto terá lugar na Praza da Fonte Vella e contará coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista.
Como parte da homenaxe, as persoas asistentes recibirán no auditorio como agasallo unha lámina que reproduce unha obra da autoría de Xosé Vizoso.
A iniciativa pretende poñer en valor a figura e a traxectoria do artista e recoñecer a súa vinculación con Mondoñedo, nunha xornada que permitirá achegar ao público diferentes aspectos da súa obra e da súa achega á cultura e á creación artística.