Mondoñedo acollerá a XII Xuntanza de Clásicos o 20 de xuño con ruta, exposición e comida popular

O Concello de Mondoñedo e a asociación “Mira e Anda” presentaron hoxe a duodécima edición da Xuntanza de Clásicos, unha cita xa consolidada entre os afeccionados aos vehículos históricos que terá lugar o vindeiro sábado 20 de xuño.
Na presentación participaron representantes da entidade organizadora xunto co alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Legide, e a concelleira de Camiño Norte, Asociacionismo e Participación Cidadá, Patricia Otero Doural. Todos eles puxeron en valor a importancia desta iniciativa para a promoción cultural e o impulso turístico da comarca da Mariña.
O programa da xornada arrincará ás 10:00 horas coa recepción dos participantes, a formalización das inscricións e a entrega de tickets para a comida, os pinchos e o sorteo de agasallos. A partir das 12:00 horas dará comezo unha ruta na que participarán coches clásicos, deportivos e motocicletas, percorrendo distintos puntos do municipio e da súa contorna.
Xa pola tarde, ás 15:00 horas, os asistentes compartirán unha comida na Finca San Antonio. Ao remate do xantar procederase á entrega de premios e ao sorteo de diferentes agasallos entre as persoas participantes.
A inscrición ten un custo de 40 euros e pode formalizarse a través da asociación organizadora “Mira e Anda”, que anima a participar a todos os propietarios de vehículos clásicos, deportivos e motos para converter esta edición nun novo punto de encontro arredor da paixón polo motor.