Melloras do firme na estrada de Bravos a San Pantaleón, en Ourol
A Deputación de Lugo iniciou este mércores os traballos de mellora do firme da LU-P-3807 que une Bravos con San Pantaleón, no concello de Ourol. A institución provincial inviste preto de 95.500€ na rehabilitación da pavimentación de boa parte do trazado desta vía, entre os puntos quilométricos 0,630 e 7,950, o que aumentará a seguridade e a comodidade dos usuarios e usuarias.
Trátase dunha actuación importante, posto que esta estrada dá servizo a varias parroquias e é a vía que utiliza a veciñanza e os visitantes para acudir á igrexa de San Pantaleón de Cabanas. Uns traballos que complementan os realizados o mes pasado pola institución noutras catro estradas provinciais que articulan este concello. Actuacións nas que a Deputación invistiu preto de 300.000€ para a mellora de diferentes tramos da LU-P-6602, da LU-P-3805, da LU-P-3808 e da LU-P-6406.
A mellora da mobilidade é unhas das prioridades marcadas polo presidente, eido no que decidiu aumentar as partidas nun 14%, ata acadar os 16M€, no Orzamento deste ano. José Tomé subliña que con todas estas actuacións na rede viaria provincial, a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros, e tres veces superior á da Xunta en Lugo, a Deputación de Lugo segue traballando “nun dos nosos principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”.