Marcelino Rodríguez, de Xove, conquistou o Campionato de España de Bolo Celta na categoría de Superveteranos
Marcelino Rodríguez, máis coñecido como Chucas, proclamouse campión de España na categoría de Superveteranos no Campionato de Bolo Celta celebrado a pasada fin de semana nos Campos Federativos da Federación Galega de Bolos en Nigrán. O evento reuniu a uns 30 participantes veteranos e superveteranos de Asturias, Galicia e Madrid.
Na categoría de Superveteranos, destinada a xogadores maiores de 65 anos, Chucas demostrou unha vez máis a súa destreza e excelente forma física aos seus 66 anos, sendo un exemplo a seguir para moitos. O seu dominio fíxose evidente desde a fase de clasificación, na que acadou máis de 500 bolos, superando a todos os seus competidores.
Nas eliminatorias, Rodríguez seguiu a súa racha vitoriosa, vencendo a José Ramón Martínez, do club Bolos Portamean de Baiona, en cuartos de final. Posteriormente, superou a Alfredo Campo do Centro Asturiano de Madrid nas semifinais. Na final, enfrontouse ao gondomareño José Rodríguez, un dos xogadores máis laureados no Bolo Celta, cun impresionante palmarés que inclúe títulos a nivel galego, nacional e intercontinental.
A vitoria de Chucas no campionato subliña non só o seu talento, senón tamén a súa boa forma física, que lle permite manter un altísimo nivel de competición a pesar da súa idade.