Máis de 200 padexeiros participarán na XLIV Travesía de Foz

Foz volverá converterse este domingo 23 de agosto nun dos puntos de referencia do piragüismo coa celebración da XLIV Travesía de Foz. A competición, organizada polo club Kayak Foz, continúa ampliando unha longa traxectoria que a sitúa entre as probas máis veteranas do calendario estatal desta disciplina.
A edición deste ano congregará a máis de 200 padexeiros procedentes de 26 clubs de Galicia e Asturias. A competición contará con participación masculina e feminina nas categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano, e as saídas comezarán a partir das 12.30 horas.
Entre as entidades participantes estarán, ademais do club anfitrión, o Club Fluvial de Lugo, o Cidade de Lugo e o Viveiro Urban Hotel, nunha xornada que volverá poñer de manifesto a importante presenza do piragüismo na provincia e, especialmente, na Mariña.
A proba foi presentada coa participación do deputado Daniel García, quen destacou a continuidade dunha competición que suma xa 44 edicións e felicitou ao Kayak Foz polo traballo desenvolvido para mantela ao longo dos anos. García salientou que a travesía evidencia "a tradición dos deportes de auga na Mariña e na provincia" e recoñeceu a constancia das persoas vinculadas ao piragüismo focego.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización da XLIV Travesía de Foz cunha achega de 7.000 euros. Este apoio enmárcase na colaboración que a institución provincial mantén cos clubs de piragüismo lucenses, tanto a través de axudas destinadas á súa actividade competitiva como mediante a organización da Copa Deputación de Piragüismo.
A cita do domingo permitirá así reunir en Foz a deportistas de diferentes idades e procedencias arredor dunha competición que, despois de máis de catro décadas de historia, mantén a súa presenza no calendario deportivo.