Máis de 150 padexeiros competirán este sábado na ría de Viveiro

AMariñaXa
A cuarta regata da Copa Deputación de Piragüismo comezará ás 16.00 horas e reunirá deportistas de seis clubs lucenses en diferentes categorías de base
Viveiro-Copa-Deputación-de-Piragüismo-2026
14 Aug 2026

A ría de Viveiro converterase este sábado, 15 de agosto, nun dos escenarios do piragüismo provincial coa celebración da cuarta regata da Copa Deputación. A competición, organizada polo Club de Piragüismo Viveiro e patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, congregará máis de 150 padexeiros.

Na cita participarán deportistas dos seis clubs que forman parte desta edición do circuíto: o CP Viveiro, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Altruan, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo.

A competición arrancará ás 16.00 horas coas primeiras saídas, reservadas ás categorías prebenxamín e benxamín. Posteriormente irán entrando na auga, de maneira escalonada, os participantes das categorías alevín, infantil, cadete e xuvenil.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou xunto a representantes e padexeiros do club viveirense na presentación dunha proba que supón a cuarta parada do calendario provincial.

A Copa Deputación de Piragüismo está formada por un total de seis regatas, cada unha delas organizada por un dos clubs lucenses de augas tranquilas que participan no torneo. Desta maneira, a competición percorre diferentes puntos da provincia ao longo do seu calendario.

O circuíto forma parte da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para impulsar esta disciplina. A iniciativa busca facilitar que os clubs poidan disputar competicións federadas nas súas propias comarcas e, ao mesmo tempo, favorecer a continuidade e o fortalecemento dos equipos de base.

0.11900591850281