Luz verde ao Rexistro de concesións e autorizacións para a xestión do litoral

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
Supón un avance na planificación, protección e ordenación da costa galega ao ofrecer información sobre as actividades autorizadas no dominio público marítimo-terrestre
praia-portocelo-marin
28 Sep 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). “Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral”, indicou.

“Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega”, salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Nese senso, o Rexistro galego, ademais de ser un inventario administrativo, actuará como un instrumento de coñecemento do litoral que ofrecerá información pública, territorializada e actualizada de grande utilidade para a toma de decisións. Así, tal e como explicou o presidente, servirá para coñecer a distribución territorial das actividades, elaborar estatísticas e coordinar as políticas autonómicas sobre o litoral. De feito, cada título incluirá información sobre a provincia, o concello e as súas coordenadas, ademais da superficie ocupada, o prazo, o canon e, cando proceda, a causa e a data de extinción.

O principal obxectivo é garantir unha maior transparencia a todas as persoas, sectores e administracións con implicación nos usos e actividades que se desenvolven na costa. Nesa liña, Rueda explicou que se inscribirán os títulos e as súas modificacións, así como os seus pregos de condicións. Ademais, a medida que se incorporen as autorizacións e concesións, os seus datos “serán actualizados de oficio continuamente” e, ademais de permitir a súa consulta, poderanse emitir certificacións sobre o seu contido.

A interoperabilidade do Rexistro converterao nunha ferramenta de coordinación na medida en que permitirá a circulación de datos entre diferentes administracións, constituíndo así unha infraestrutura de información compartida e unha fonte común para a xestión do litoral.

“O Rexistro permitirá facer unha radiografía bastante exacta das actividades autorizadas ao longo do territorio costeiro galego”, asegurou o presidente, que salientou que a previsión da Xunta e avanzar na tramitación necesaria co obxectivo de poñer en marcha o Rexistro “antes de que remate o ano”.

O Rexistro reforzará o proceso de dixitalización, simplificación e axilización dos procedementos de obtención de títulos habilitantes no litoral. De feito, dá continuidade ao traballo que vén desenvolvendo a Xunta desde que, tal e como indicou Rueda, “asumiu o traspaso de funcións e servizos en materia de litoral en xullo do pasado ano”, co fin de consolidar un modelo de xestión máis sinxelo, homoxéneo e accesible.

Nesa liña, cómpre salientar, por exemplo, a habilitación dunha solicitude electrónica única para as autorizacións e concesións fronte á dispersión anterior de formularios e procedementos, ou a unificación dos criterios técnicos, dos prazos, das taxas e das condicións aplicables nas tres provincias costeiras galegas.

Tamén se reforzou o acompañamento á cidadanía, aos concellos e ao tecido produtivo mediante a creación do portal Galicia litoral, dunha canle específica de información no 012, así como a publicación de guías con criterios uniformes e a organización de xornadas formativas, especialmente para os servizos de tempada.

Así, Alfonso Rueda destacou que en menos de 15 meses, “Galicia tramitou xa 2.749 actuacións en materia de litoral”. En concreto, na zona de servidume de protección tramitáronse 1.247 actuacións, entre autorizacións e declaracións responsables. En canto ao dominio público marítimo-terrestre, tramitáronse 875 títulos habilitantes, que serán incorporados progresivamente ao Rexistro de autorizacións e concesións no DPMT.

Este volume de actividade cobra especial relevancia tendo en conta as condicións nas que a Xunta tivo que asumir a nova competencia, xa que documentación transferida polo Goberno central non permitiu dispoñer dunha copia plenamente operativa e actualizada do Rexistro de usos do dominio público marítimo-terrestre para consultar de forma integral a información relativa a Galicia. Ademais, o acceso público ao rexistro estatal permanece temporalmente inactivo por traballos técnicos e o propio Ministerio recoñece que os datos nos que se basea poden conter erros ou omisións. De aí a importancia de contar cun rexistro galego que ofreza unha base de datos propia, fiable e accesible.

A esta dificultade engádese que a documentación estatal non se recibiu de maneira unitaria, senón en sucesivos lotes, e presentaba deficiencias formais e estruturais. Máis polo miúdo, remitíronse arquivos de difícil acceso, duplicados ou con problemas de adecuación á normativa técnica de interoperabilidade. Unhas carencias que dificultaron a consulta da información e a continuidade administrativa dos expedientes, polo que a Xunta tivo que realizar un importante traballo previo de análise, depuración e ordenación para garantir unha tramitación homoxénea e con seguridade xurídica.

0.15144801139832