Lugo, Viveiro e Ribadeo reciben 577.300 euros para mellorar as súas prazas de abastos

Os mercados municipais de Lugo, Viveiro e Ribadeo contarán con novos investimentos para mellorar as súas instalacións e impulsar a actividade comercial. Os tres concellos suman 577.300 euros da convocatoria de axudas deste ano da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, cuxa resolución se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A maior contía corresponde a Viveiro, que recibirá 320.000 euros, distribuídos en dúas anualidades, para acometer obras de reforma do mercado municipal. Ribadeo disporá de 159.700 euros, mentres que Lugo contará cunha achega de 97.600 euros destinada a mellorar o acceso á praza de abastos pola rúa Tuñas Bouzón.
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, visitou a praza de abastos de Lugo, onde percorreu varios postos para coñecer de primeira man o traballo diario dos comerciantes e praceiros. A actuación prevista no acceso forma parte das intervencións que está a desenvolver o Concello coa colaboración económica da Administración autonómica.
Durante a visita, Villares destacou a importancia das prazas de abastos e dos mercados municipais para dinamizar comercialmente os centros urbanos das cidades e vilas galegas. Tamén puxo o foco no seu papel como espazos de referencia para a venda de alimentos de proximidade e produtos de calidade diferenciada.
A convocatoria autonómica busca apoiar proxectos que contribúan á modernización e dinamización destes recintos comerciais, así como reforzar a súa actividade e a súa capacidade para atraer clientela.