Lugo reúne 151 deportistas nos Xogos Autonómicos de Baloncesto de Special Olympics

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O Pazo Provincial dos Deportes acollerá este sábado, 17 de outubro, a 30ª edición da competición, que contará con participantes de 13 entidades sociais galegas e incluirá a entrega do Premio ás Boas Prácticas no Deporte
Presentación-Special-Olympics-Galicia-Lugo-26
15 Oct 2026

O baloncesto inclusivo será o protagonista este sábado, 17 de outubro, en Lugo coa celebración dos 30º Xogos Autonómicos de Baloncesto de Special Olympics Galicia. A competición desenvolverase no Pazo Provincial dos Deportes e reunirá 151 deportistas de 13 entidades sociais de toda Galicia, nunha xornada que combinará deporte, convivencia e recoñecemento aos valores do xogo limpo.

A cita está organizada por Special Olympics Galicia coa colaboración da asociación local San Vicente de Paúl. En total, participarán 232 persoas, entre deportistas, adestradores e integrantes dos equipos de voluntariado, arbitraxe, emerxencias e organización.

A provincia de Lugo contará con 62 xogadores e 18 adestradores de seis entidades: Aspnais, San Pablo e San Lázaro, CAPD Sarria, Aspanane, Prodeme e San Vicente de Paúl, que exercerá como anfitrioa. Tamén participarán colectivos como Asfaval do Barco de Valdeorras de Ourense, Apader de Cedeira da Coruña.

A programación comezará ás 10.45 horas co desfile das entidades participantes na pista central. Despois da inauguración oficial, un atleta de San Vicente de Paúl lerá o lema de Special Olympics: "Quero gañar, mais se non o consigo, deixádeme ser valente no intento". A competición desenvolverase en diferentes niveis adaptados ás habilidades dos participantes.

Os partidos disputaranse en dúas quendas: de 12.00 a 14.30 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas pola tarde. Ao remate terá lugar a clausura e a entrega do Premio ás Boas Prácticas no Deporte, elixido polos propios deportistas para recoñecer o compañeirismo, o xogo limpo, o respecto e a deportividade.

A competición contará con cinco niveis adaptados ás capacidades dos deportistas:

- Nivel I para participantes cun dominio alto das regras, a técnica individual e o xogo en equipo.

- Nivel II, intermedio, para xogadores cun coñecemento das regras e unha técnica de nivel medio.

- Nivel III, inicial, para deportistas con menor dominio do xogo, que tamén realizarán probas individuais de condución do balón e lanzamento desde o perímetro.

- Nivel IV probas adaptadas I e o Nivel V probas adaptadas II que incluirán exercicios de tiro estático, bote dinámico, pase e recepción.

O concelleiro de Deportes, Damián Carballo, destacou a colaboración do Concello de Lugo na organización do evento e o compromiso municipal co deporte inclusivo. O edil subliñou a importancia de promover iniciativas que favorezan a participación e a inclusión social das persoas con capacidades diferentes a través do deporte, a cultura e o lecer.

Pola súa parte, o deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé Marías Arias Fernández, recalcou que "ás veces falamos de inclusión como un termo moi amplo, pero a inclusión tamén se constrúe con cousas tan cotiás coma esta: poder practicar un deporte, competir, coñecer outras persoas e ter as mesmas oportunidades á hora de participar".

0.14584589004517