Lourenzá prepárase para tres días de festa arredor da faba con gastronomía, música e tradición

Lourenzá volverá converterse nun dos grandes puntos de encontro gastronómicos da Mariña coa celebración da XXXIV Festa da Faba, que se desenvolverá do 2 ao 4 de outubro cunha ampla programación na que o produto estrela do municipio compartirá protagonismo coa música, a artesanía e as actividades para todas as idades.
A celebración arrancará o venres 2 de outubro cunha cata comentada de viño da adega Triay, da Denominación de Orixe Monterrei, ás 20.00 horas no Claustro. A primeira xornada continuará ás 21.00 horas no Campo dos Bolos cunha verbena amenizada por Toxo Guayaba e The Sound Project.
O sábado chegará unha das xornadas centrais da festa. Ás 11.00 horas abrirán as casetas dos fabeiros na Praza do Conde Santo, xunto ao stand institucional do Concello de Antas de Ulla e a demostración e exposición de artesanía e alimentación que se distribuirá polas prazas e rúas da vila. Tamén se celebrará a XII Vespa Faba e Clásicos e haberá un pasarrúas coa Rondalla Mugardesa.
O pregón terá lugar ás 12.00 horas e correrá a cargo de José Cuadrado, presidente da IXP Faba de Lourenzá. Media hora despois, o cociñeiro Álex Iglesias ofrecerá un showcooking na Praza do Conde Santo.
A gastronomía volverá ocupar un lugar destacado ás 13.30 horas coa degustación popular da Faba de Lourenzá no Campo dos Bolos, acompañada polos viños da adega Triay e polo café servido por cortesía do departamento de Hostalería do IES de Foz. Á mesma hora comezará a sesión vermú coa orquestra Atenas.
A programación da tarde incluirá un pasarrúas coa charanga Leña Verde ás 16.30 horas, un obradoiro infantil de cociña con A Morena ás 17.00 e, media hora máis tarde, unha degustación de petiscos elaborados con carne de poldro de pura raza galega, promovida por PuRaGa. Sheila Patricia actuará ás 19.30 horas no Claustro e a xornada rematará coa verbena da orquestra Atenas e The Sound Project, a partir das 22.30 horas.
O domingo 4 a actividade comezará cedo, coa apertura ás 8.00 horas do mercado da Faba ao por maior no Mercado Comarcal. Ás 10.00 abrirán novamente as casetas dos fabeiros e, desde as 11.00 horas, sucederanse as diferentes propostas da festa, entre elas a XII Vespa Faba e Clásicos e un pasarrúas coa charanga Louband.
Álex Iglesias regresará aos fogóns ás 11.30 horas cun novo showcooking. Xa ás 13.30 horas celebraranse o Faba Bingo na Praza do Conde Santo e a sesión vermú coa orquestra Lume no Campo dos Bolos, onde tamén terá lugar unha nova degustación popular de Faba de Lourenzá.
Pola tarde repetirase o obradoiro infantil de cociña e a degustación de petiscos de carne de poldro. O apartado cultural pechará a programación ás 18.30 horas cun festival folclórico protagonizado pola Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e o coro Cantigas e Agarimos, tras o que terá lugar a clausura da XXXIV Festa da Faba no Claustro.
Durante o sábado e o domingo, un tren turístico permitirá percorrer a Ruta das Fabas, mentres que os bares da vila ofrecerán tapas elaboradas con Faba de Lourenzá. Ademais, entre as 18.00 e as 19.00 horas establecerase unha hora silenciosa nas atraccións infantís, que funcionarán sen son para facilitar que as persoas do espectro autista ou cunha elevada sensibilidade acústica tamén poidan desfrutar da celebración.