Lourenzá impulsa melloras en dúas estradas provinciais para reforzar a seguridade viaria

AMariñaXa
Técnicos da Deputación analizan actuacións na conexión con Cazolga e no núcleo de Santo Tomé para dar resposta ás demandas veciñais
VISITA-A-LOURENZÁ-DO-SERVIZO-TÉCNICO-DE-VÍAS-E-OBRAS-DA-DEPUTACIÓN-(1)
4 Jun 2026

O Concello de Lourenzá continúa avanzando na procura de solucións para mellorar a seguridade e a funcionalidade das estradas provinciais que atravesan diferentes puntos do municipio. Un técnico do Servizo de Vías e Obras da Deputación de Lugo desprazouse este mércores á localidade para coñecer sobre o terreo varias actuacións consideradas prioritarias polos responsables municipais e polos veciños.

Na visita participaron representantes da asociación veciñal da Cazolga, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, o tenente de alcalde, Javier Huertas, e a concelleira Mercedes Dengra. O encontro permitiu avaliar distintas propostas destinadas a corrixir problemas detectados nas vías provinciais LUP-2804, que comunica Lourenzá coa Cazolga, e LUP-2801, ao seu paso polo núcleo de Santo Tomé.

Un dos puntos que máis preocupa é o tramo que conecta o casco urbano coa Cazolga. Segundo explicou a rexedora, trátase dunha estrada de anchura reducida pola que circulan con frecuencia vehículos pesados vinculados á actividade forestal da zona. Esta situación provoca dificultades cando dous vehículos coinciden en sentido contrario, reducindo as condicións de seguridade para os usuarios da vía.

Entre as alternativas que se están estudando figura a execución de cunetas de formigón que permitan aos vehículos apartarse en determinados puntos cando sexa necesario, facilitando así os cruzamentos e mellorando a circulación. Rocío López lembrou que esta problemática xa fora trasladada recentemente á presidenta da Deputación de Lugo durante a súa visita ao municipio, destacando a boa disposición mostrada polo organismo provincial para colaborar na procura dunha solución.

Outra das actuacións previstas céntrase na estrada LUP-2801, ao seu paso por Santo Tomé. Neste caso, o obxectivo é resolver as dificultades existentes nun punto estreito do núcleo de poboación debido á presenza dun inmoble que condiciona a configuración da vía. A intención é posibilitar a continuidade das beirarrúas nese lado da estrada, mellorando así a mobilidade e a seguridade dos peóns.

Segundo indicou a alcaldesa, desde a Área de Vías e Obras da Deputación xa se está a traballar nun estudo de viabilidade que permita determinar as actuacións máis adecuadas para dar resposta a estas necesidades.

O Goberno local subliña que estas intervencións forman parte da estratexia municipal para seguir reforzando as infraestruturas do rural e atender as demandas trasladadas pola veciñanza. Neste sentido, Rocío López agradeceu a colaboración da Deputación de Lugo e a súa receptividade ante as peticións formuladas desde o Concello, confiando en que os proxectos poidan materializarse nos próximos meses.

0.097084045410156