Lourenzá acolle a segunda edición do Gran Premio Faba de Ouro de tiro olímpico

Lourenzá converterase esta fin de semana nun punto de encontro para o tiro olímpico coa celebración da segunda edición do Gran Premio Faba de Ouro, unha cita que terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 e que está organizada polo Real Aeroclub de Tiro Olímpico de Lugo coa colaboración do Concello.
A competición desenvolverase na galería de tiro do Real Aeroclub de Lugo e contará coa participación de máis de 60 deportistas procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, entre os que se atopan arredor dunha decena de tiradores de Lourenzá. Desde a organización subliñan a relevancia desta proba no calendario autonómico, destacando a súa crecente proxección dentro do ámbito do tiro deportivo.
O evento culminará o domingo coa entrega de trofeos no Pazo de Tovar, en Lourenzá, onde tamén está prevista unha comida de confraternidade entre os participantes na que a faba de Lourenzá terá un papel protagonista. A este acto asistirán representantes institucionais, entre eles a alcaldesa, Rocío López.
Desde a organización valoran especialmente o apoio do Concello de Lourenzá, destacando a súa implicación tanto na promoción do evento como na visibilización desta disciplina deportiva. Tamén agradecen a colaboración dos patrocinadores, entre os que figuran o Pazo de Tovar e a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá.
Pola súa banda, a alcaldesa destacou a importancia de seguir apostando por iniciativas deste tipo, que contribúen a dinamizar o municipio e atraer visitantes. “Calquera actividade que supoña traer xente a Lourenzá é positiva e axuda a dar a coñecer o noso territorio”, sinalou.