Kalpa Amodiño conquista ao xurado profesional do Ribadeo Sabe na antesala dunha nova edición do certame gastronómico

A proposta gastronómica presentada por Kalpa Amodiño foi escollida como a mellor tapa polo xurado profesional do Ribadeo Sabe, o certame culinario que volverá converter Ribadeo nun referente da gastronomía local desde este xoves e ata o domingo, 17 de maio.
A valoración das creacións participantes tivo lugar esta tarde na Praza de Abastos ribadense, onde un total de doce elaboracións foron presentadas ante un xurado composto por profesionais de prestixio do ámbito gastronómico galego. A degustación serviu como acto previo ao inicio oficial dun evento que reunirá durante catro días a 22 establecementos hostaleiros da vila.
O xurado profesional estivo integrado por Rafa Centeno, chef do restaurante Vértigo de Sober, distinguido coa única estrela Michelin da provincia de Lugo; Juan Rubiños, presidente da Asociación de Cociñeiros Lugo e chef executivo de Il Farabutto; Alberto Veiga, sumiller do restaurante Nito de Viveiro e barista en Coffee Urban Roasters; e Daniel Gutiérrez, coñecido divulgador gastronómico lucense a través da conta @oidocomida.
Os integrantes do xurado destacaron o elevado nivel das tapas presentadas nesta edición e quixeron recoñecer tamén as elaboracións doutros locais participantes como La Solana, Marinero e Ramonita, que recibiron unha valoración moi positiva pola súa creatividade e elaboración.
Como gañador da categoría profesional, Kalpa Amodiño recibirá un curso de formación no Basque Culinary Center, incluíndo estancia en San Sebastián, ademais dun diploma acreditativo.
O Ribadeo Sabe desenvolverase entre os días 14 e 17 de maio e permitirá ao público percorrer os distintos locais participantes para degustar as tapas elaboradas especialmente para a ocasión. Ademais da valoración profesional, serán tamén os clientes os encargados de elixir a mellor proposta da edición a través das súas votacións.
O establecemento gañador do premio do público obterá unha visita con cata na adega Regina Viarum, unha comida para dúas persoas no restaurante Vértigo e o correspondente diploma acreditativo.
A organización, formada polo Concello de Ribadeo e Acisa, tamén premiará ás persoas participantes nas votacións populares. Haberá tres categorías con premios de 200, 150 e 100 euros en vales de compra para os comercios asociados a Acisa Ribadeo, ademais dunha visita guiada ás Bodegas Docampo, en Ribadavia, con aloxamento dunha noite no Hotel Pazo Carballo.
Desde a organización animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nun evento que busca dinamizar a hostalaría local, impulsar o produto gastronómico e consolidar Ribadeo como un dos destinos culinarios destacados da Mariña.