Julio López: pregoeiro das Festas de Burela 2026

AMariñaXa
O fotógrafo e responsable de Arracada Producións asume “con vertixe e orgullo” o reto de abrir as festas da súa vila e revivir a memoria colectiva de Burela
Julio-Lopez-pregoeiro-Burela-2026
10 May 2026

Julio López, herdeiro da coñecida Foto Sergio e actual responsable de Arracada Producións, será o encargado de dar o pregón das Festas de Burela 2026. Fotógrafo de referencia na vida social da vila e testemuña privilexiada da súa evolución recente, afronta este reto cunha mestura de emoción e responsabilidade, consciente do valor simbólico que supón abrir unhas festas tan arraigadas na identidade burelesa.

Que sentiches ao ser elixido pregoeiro das Festas de Burela 2026?

Sinceramente, ao principio hasta pensei si sería unha broma, pero xa me din conta rapidamente que non, sobre todo vindo de quen viña.

Sentín algo de vertixe pensando no momento, na situación; pero tamén pensei en todo o que podía aportar. E dixen que sí.

Que significa para ti dar o pregón na túa vila?

Pois aínda que soe un pouco “borbón”; “me llena de orgullo y satisfacción”, (risas) … Agora en serio, un pracer e unha gran responsabilidade.

Que che gustaría transmitir á veciñanza ese día?

Simplemente revivir con eles algúns dos momentos mais destacados da historia de Burela. Pero baseado nas miñas experiencias, nas imaxes e recordos que teño e sobre todo, nas imaxes que deixou meu pai.

Como lembras as festas de Burela da túa infancia?

Pois cunha grande alegría. Tiven a sorte de vivilas ben de cerca, xa que cando eu era neno, celebrábanse onde agora está o parque Rosalía de Castro, a escasos 100 metros de onde vivía. Ademais os nenos e nenas daquela época non viaxabamos tanto, así que a chegada de todas as atraccións causábanos grande expectativa. Había que aproveitar eses catro días ao máximo.

Que destacarías das festas de Burela fronte ás doutras localidades?

Primeiramente a procesión marítima, que decaeu moito co paso do tempo, pero creo que hai anos era o principal motivo de atracción. E desde que se fan as alfombras florais, destacaría tamén a procesión de baixada da Virxe ao porto. Outro punto importante en comparación con outros pobos, e que Burela sempre tivo un gran espazo dedicado ás festas, onde ten cabida moita xente e no que se instalan moitas atraccións para ledicia da xente miúda.

Hai algunha imaxe ou momento histórico das festas que gardes con especial cariño?

Creo que o ser pregoeiro este ano, marcará ese momento.

Que papel xogou Foto Sergio na túa forma de ver e entender a imaxe e a vida social da vila?

Buff…Moi importante. Creo que estamos en practicamente todas as casas da localidade. Polo menos dos nacidos aquí ou nos que levan xa tempo con nosoutros. Vodas, bautizos, comuñóns, todo tipo de celebracións, empresas, actos públicos, Concello. En todas partes.

Hai que pensar que meu pai ademais de ser o fotógrafo do pobo e estar en solitario durante moitos anos, tamén foi corresponsal do Progreso, Axencia EFE, Televisión Española…. Ademais dos temas familiares ocupabámonos do día a día, da actualidade, dos sucesos, eventos.. e todo iso quedou no noso arquivo. Non se pode explicar a historia de Burela, sen esas imaxes.

Como foi a transición do traballo fotográfico tradicional ao audiovisual en Arracada Producións?

Desde que eu comecei ata agora houbo moitos cambios, sobre todo a nivel social. E nos últimos anos aceleráronse. Menos vodas, menos bautizos, menos comuñóns. Isto lévoo observando hai xa anos e chegou un momento que había que dar o paso.

Si a isto lle sumamos a revolución dixital e a aparición de novas posibilidades e oportunidades de traballo, “branco e en botella”. Ademais agora o vídeo e a fotografía están cada vez mais entrelazados entre si. O único problema e que hai que estar reciclándose e adaptándose ás novas tecnoloxías continuamente. O que aprendes hoxe, ás veces non che serve para mañá. Cousa que na era analóxica non pasaba. Era mais “lóxica”.

En que proxectos estás centrado actualmente?

Seguimos no mundo da fotografía, xa que é moi difícil desconectarse del. Lévoo nas venas. Pero principalmente estamos cada vez mais centrados en traballos de índole documental, audiovisual, intelixencia artificial, redes sociais… Mais empresarial e institucional e menos tema social.

Hai varios proxectos en marcha, sobre todo de recuperación histórica, que creo que é un dos motivos polo que fun elixido para o pregón, pola importancia que lle damos a todo ese tipo de proxectos, onde o noso arquivo xoga un papel moi importante.

Que papel cres que teñen as festas na identidade de Burela hoxe en día?

Seguen a ser un referente. A pesar de que a procesión non é tan espectacular coma antes, as alfombras suplen ese baleiro. Ademais, como dixen, ó facerse nun espazo aberto de grandes dimensións, con grandes atraccións e outros espectáculos, chaman moito a atención. Si a isto lle sumamos que son as primeiras do ano deste tipo que se celebran na comarca, iso tamén atrae bastante. Destacaría tamén o karaoke, que seguen en directo miles de persoas, gracias ao streaming que realizamos desde Arracada e o Concello desde hai xa uns anos.

Se tiveses que definir Burela nunha imaxe, cal sería?

Poderían ser varias… pero sempre relacionadas co mar. Unha grande ola rompendo contra a Pena Burela, ou mesmo un amencer desde a Praia do Cabaliño co mar en calma e unhas nubes multicolor. O porto, a lonxa, unhas redes… pero con algo en común, xente traballando.

0.11850380897522