Juan Carlos, Bonxe e Lu coróanse campións galegos de billarda en Castro Ribeiras de Lea

Castro Ribeiras de Lea acolleu o pasado sábado, 29 de agosto, o Campionato Galego de Billarda 2026, unha cita que reuniu no Campo de Fútbol Municipal Arturo Pereiro a 80 palanadores e palanadoras chegados de diferentes puntos de Galicia co obxectivo de proclamarse campións galegos nas distintas categorías.
A competición foi organizada polo equipo local Billarda Río Miño, como vixente campión por equipos da edición anterior, e contou coa colaboración do Concello de Castro de Rei e do CD Castro. Desde a organización agradeceron as facilidades ofrecidas por ambas entidades para facer posible o desenvolvemento da xornada. Tamén estivo presente o xefe do Servizo Provincial de Deportes de Lugo, Manuel Otero Méndez, que acompañou aos participantes e puido coñecer de preto esta modalidade deportiva.
A xornada comezou pola mañá coa disputa das catro primeiras carreiras, condicionadas pola presenza dun forte vento que dificultou o xogo e puxo en apuros a numerosos participantes. Unha vez rematada esta primeira parte da competición, todos os participantes compartiron un xantar de confraternidade, nun momento que serviu para reivindicar os valores asociados á billarda, como o compañeirismo, a igualdade e o respecto.
Pola tarde disputáronse as tres carreiras restantes antes de coñecer os 24 xogadores e xogadoras que conseguirían o pase ás eliminatorias. Nesta ocasión foi a choiva a que puxo dificultades ao desenvolvemento da competición, obrigando os palanadores e palanadoras a adaptarse novamente ás condicións do terreo de xogo.
Tras as diferentes eliminatorias chegaron as finais das tres categorías. Na categoría infantil, a loita polo título estivo protagonizada por Liam, de Cochiqueiros de Cerceda; Xian, de Lua de Forza de Sanxenxo; e os xogadores locais Adrián e Mauro, de Río Miño de Castro de Rei. Finalmente, Xian proclamouse campión galego, por diante de Adrián, segundo, e Liam, terceiro.
Na categoría feminina, Lu, de Lua de Forza de Sanxenxo, fíxose co título, mentres que Geni e Dori, de Billardeiros Musicais de Ribadeo, completaron o podio na segunda e terceira posición, respectivamente.
A gran final absoluta contou coa presenza de David e Abel, de Cochiqueiros de Cerceda; Juan Carlos e Óscar Ponte, de Campo da Feira de Paiosaco; Charri, de Corredoiras de Bueu; Marco e Miguel Ángel, de Filloas de Sangue da Coruña; e Bonxe, de Río Miño de Castro de Rei. O título absoluto foi finalmente para Juan Carlos, de Campo da Feira, que se impuxo no desempate a Bonxe, segundo clasificado. Charri completou o podio no terceiro posto.
Por equipos, Filloas de Sangue proclamouse campión na categoría absoluta, seguido de Cochiqueiros e Campo da Feira. No apartado feminino, o primeiro posto foi para Billardeiros Musicais, con Corredoiras na segunda posición e Lua de Forza na terceira.
No apartado de varados, David foi o primeiro clasificado, seguido de Xian e Juan Carlos.
O equipo local Río Miño contou con dezaseis xogadores e xogadoras participantes, converténdose na formación con maior presenza neste Campionato Galego. A organización recoñeceu que asumir o peso da preparación da competición condicionou o rendemento do equipo sobre o terreo de xogo, aínda que os resultados permitiron ao conxunto de Castro de Rei conseguir dous subcampionatos galegos.
Na categoría absoluta, Bonxe foi de menos a máis ao longo da xornada e conseguiu alcanzar o desempate final con Juan Carlos para decidir o campión galego. O xogador de Río Miño non puido finalmente superar ao representante de Campo da Feira, que se proclamou campión cun varado.
Na categoría infantil, Adrián, actual campión da Liga Galega de Billarda, conseguiu tamén o segundo posto nunha final moi igualada na que Xian acabou levando o título. Mauro, tamén de Río Miño, disputou a final e quedou moi preto de conseguir unha praza no podio.
Pola súa banda, Delia conseguiu clasificarse para a gran final feminina, aínda que finalmente non puido acceder ás tres primeiras posicións. Tamén destacaron as actuacións de Corton e Nolo, que lograron alcanzar as eliminatorias. Nolo chegou ata os cuartos de final, onde quedou eliminado no desempate, mentres que Corton disputou as semifinais e quedou ás portas da gran final.
O Campionato Galego deixou así unha intensa xornada de deporte tradicional en Castro Ribeiras de Lea, combinando competición e convivencia e poñendo novamente en valor a billarda como unha modalidade deportiva ligada á cultura popular galega.