Invisten 472.200 euros en oito concellos da Mariña para impulsar o turismo accesible

AMariñaXa

A Xunta de Galicia inviste 472.

11 abr 2024

A Xunta de Galicia inviste 472.200 euros distribuídos entre 14 proxectos de oito concellos da Mariña. Deste xeito, resolve a segunda das convocatorias realizadas o pasado ano do programa de axudas destinado a concellos galegos para o embelecemento do litoral e o impulso do seu uso turístico.

Os apoios están orientados á mellora dos recursos e á introdución de medidas sustentables, dixitais, accesibles ou inclusivas, financiando propostas como a instalación ou reforma de casetas de información, postos de socorro e aseos, acondicionamento de sendeiros, creación de app turísticas ou instalación de elementos interactivos, entre outras.

As achegas veñen a sumarse ás concedidas na primeira convocatoria: 286.000 euros para 10 proxectos en sete concellos. Deste xeito, no cómputo anual esta liña de axudas permitiu desenvolver seis iniciativas no Vicedo; tres en Xove, Cervo, Ribadeo, Viveiro e Foz; dúas en Burela e unha en Barreiros. Esta é unha das actuacións incluídas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation, que conta cun orzamento global de 29,3 millóns de euros. Enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos.

Inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao litoral galego como dúas convocatorias anteriores para concellos e establecementos para rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego, xa resoltas, así como a construción da senda do litoral de Galicia. Por outra banda, no marco deste Plan Territorial do Litoral as entidades locais están executando distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino.