Invisten 302.000 euros para mellorar as infraestruturas públicas de Trabada

AMariñaXa
Javier Arias desprazouse ao municipio para comprobar as obras recentemente iniciadas nun parque infantil, co propósito de cubrilo parcialmente
Visita-obras-Trabada
25 Oct 2024

A Xunta de Galicia achegou nos últimos meses ao Concello de Trabada máis de 302.000 euros para levar a cabo proxectos de mellora de infraestruturas públicas de titularidade municipal. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, desprazouse ao municipio para comprobar as obras recentemente iniciadas nun parque infantil, co propósito de cubrilo parcialmente para que poida ser utilizado con independencia das condicións climatolóxicas. O investimento autonómico ascende a 35.800 euros.

Arias lembrou que o Goberno galego tamén aportou 60.000 euros para a renovación da cuberta principal do pavillón polideportivo e de elementos auxiliares como baixantes e canlóns. Igualmente, destinou 20.000 euros para arranxar a cuberta do centro social de Sante e 30.000 euros para habilitar a área recreativa de Vilapena. Por outra banda, grazas a unha achega do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) de 46.300 euros, o Concello rehabilitou a antiga escola unitaria de Vidal para destinala a vivenda pública en réxime de alugueiro social.

A Consellería do Medio Rural suma un investimento de 110.590 euros para o acondicionamento de camiños municipais nas dúas edicións do Plan Marco que están en marcha. Así, logo de rematar as actuacións definidas para o bienio 2023-2024, comezan a desenvolverse as actuacións previstas no plan para o 2024-2025. En concreto, vanse mellorar os accesos a Val das Eguas, na parroquia de Vidal, e A Penela, na de Santa María de Trabada. No primeiro caso a actuación ten unha lonxitude de algo máis dun quilómetro, e no segundo de 290 metros. En ambos casos vaise reformar o pavimento, limparanse as cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía e instalarase sinalización onde proceda.

0.16878795623779