Impulsan unha nova edición de “Burela de Ruta” cunha ampla programación turística

AMariñaXa
O Concello incorpora visitas ao Molde do Faro, reforza as experiencias vinculadas ao mar e consolida a oferta de natureza, patrimonio e cultura mariñeira
Burela-de-Ruta-presentacion-26
26 Jun 2026

O Concello de Burela pon en marcha unha nova edición de 'Burela de Ruta', o programa municipal de actividades turísticas co que se pretende dar a coñecer, durante os meses de xullo, agosto e setembro, os principais recursos patrimoniais, culturais, naturais e mariñeiros do municipio.

A programación deste ano chega cunha das súas principais novidades: as visitas guiadas ao Molde do Faro, unha estrutura metálica empregada na reconstrución do faro de Burela no ano 2014 e situada nas inmediacións da praia da Marosa. No seu interior pode contemplarse unha obra do artista David Catá, converténdose nun dos novos puntos de interese turístico da localidade.

Estas visitas desenvolveranse todos os martes ás 16:30 horas, cunha duración aproximada de media hora e de carácter gratuíto, aínda que será imprescindible realizar reserva previa a través da web reservasmoldedofaro.burela.org debido á limitación de prazas.

Outra das incorporacións destacadas será a profesionalización das visitas á lonxa de ABSA, que estarán guiadas pola empresa Rutas Galicia Norte. Nesta actividade, as persoas participantes poderán asistir á poxa do peixe e coñecer de primeira man o funcionamento dunha das infraestruturas clave para comprender a identidade mariñeira e a actividade económica de Burela.

As visitas á lonxa realizaranse de luns a xoves en horario de tarde, os luns ás 18:00 horas e de martes a xoves ás 19:00 horas. O prezo será de 8 euros para persoas adultas e 5 euros para menores de 17 anos, mentres que os menores de 12 anos poderán acceder de maneira gratuíta. A reserva será obrigatoria a través do formulario dispoñible en rutadopeixe.burela.org, non permitíndose o acceso sen inscrición previa.

No ámbito da natureza e a divulgación científica, o programa recupera as XeoRutas, percorridos guiados por unha profesional da xeoloxía que permitirán descubrir o patrimonio xeolóxico do litoral burelés. Ofreceranse tres itinerarios diferentes: A Marosa, O Cantiño e O Perdouro, repartidos ao longo dos meses de verán e inicio do outono.

Estas rutas serán gratuítas, aínda que requirirán inscrición previa a través de turismo.burela.org/rutas-xeoloxicas.

A programación complétase coas rutas ornitolóxicas, guiadas por un especialista en aves e programadas para finais do verán, coincidindo co paso das especies migratorias mariñas. Durante a actividade facilitarase material óptico para a observación das aves. A participación será gratuíta, pero será necesario inscribirse previamente a través do correo oficinadeturismo@burela.org, a partir de tres días antes de cada ruta.

Tamén se inclúen as visitas á conserveira artesanal Faro de Burela, onde as persoas asistentes poderán coñecer o proceso tradicional de preparación e envasado do bonito nunha explicación breve de entre dez e quince minutos. Estas visitas realizaranse durante as tardes dos xoves e venres de xullo e agosto, con inscrición previa na Oficina de Turismo.

Pola súa parte, a ruta guiada «Máis alá do mar» propón un percorrido pola Vila do Medio, o barrio máis antigo de Burela, no que se abordará a súa evolución histórica e social. O itinerario, de menos de dous quilómetros, rematará na igrexa da Vila do Medio, que conserva pinturas do século XV. Será gratuíta e celebrarase todos os xoves ás 10:30 horas, con reserva previa no correo da Oficina de Turismo.

No ámbito da memoria mariñeira, a Asociación de Mariñeiros Xubilados A Moncloa continuará ofrecendo visitas guiadas gratuítas ao seu local de luns a venres, entre as 10:00 e as 14:00 horas, achegando a historia marítima de Burela a través das vivencias dos seus protagonistas.

A oferta complétase co Barco Museo Boniteiro «Reina del Carmen», un pesqueiro tradicional de madeira que durante o verán ampliará o seu horario cunha visita adicional ás 19:00 horas, ofrecendo ata seis visitas guiadas diarias. Nelas explícanse as artes de pesca, a pesca sostible e a vida a bordo dun barco dos anos sesenta.

O prezo da entrada será de 5 euros para adultos e 3 euros para menores de 17 anos, mentres que os menores de oito anos accederán gratuitamente. As reservas realizaranse a través da web reservasbarcoboniteiro.burela.org.

Con esta nova edición de «Burela de Ruta», o Concello reafirma a súa aposta por un modelo turístico baseado na identidade mariñeira, a divulgación do patrimonio local, a natureza e a sustentabilidade, ofrecendo tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a posibilidade de descubrir Burela desde múltiples perspectivas.

0.11903595924377