Gundar proclámase vencedor do IV Gran Aberto Nacional da LNB celebrado no Castiñeiriño

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Na final feminina, Antía realizou unha destacada actuación, pero non puido evitar a vitoria de Geni, que acadou así o seu cuarto título e consolídase como a xogadora máis laureada da historia da LNB
podio-feminino-billarda-nacional
3 Jun 2026

O barrio compostelán do Castiñeiriño acolleu un ano máis o IV Gran Aberto Nacional da Liga Nacional de Billarda (LNB), unha cita que reuniu a numerosos palanadores e afeccionados nunha intensa xornada deportiva organizada pola Asociación O Varal coa colaboración de Xogos Tradicionais de Compostela.

A competición desenvolveuse o pasado domingo 31 de maio nun ambiente festivo marcado polo bo tempo, que contribuíu ao éxito dunha nova edición desta destacada proba do calendario billardeiro. Aínda que as finais da Liga Atlántica celebradas o día anterior na Estrada condicionaron lixeiramente a participación, a xornada estivo chea de emoción e espectáculo.

Durante a mañá disputouse a fase de grupos, da que saíron os 32 xogadores clasificados para as eliminatorias da tarde. Nesta primeira parte da competición tamén quedaron definidos os distintos podios. Na categoría infantil destacaron os integrantes de Troitas Bravas Mateo, Antía e Martín. Na modalidade de varados, Manu Caldeiro proclamouse campión ao ser o único participante da xornada nesta especialidade. Por equipos, os mellores foron Troitas Bravas da Pontenova, Billardeiros Musicais de Ribadeo e Madia Leva de Lugo.

Na competición feminina, as catro xogadoras con mellor puntuación accederon á fase final. Geni, tricampioa nacional ata o momento, superou a Dori, mentres que Antía fixo o propio fronte a Mila. Na gran final, a moza Antía realizou unha destacada actuación, pero non puido evitar a vitoria de Geni, que acadou así o seu cuarto título e consolídase como a xogadora máis laureada da historia da LNB. O terceiro posto foi para Dori tras vencer a Milagros, do equipo Carabullo.

Xa pola tarde chegaron as eliminatorias absolutas. Tras unha intensa sucesión de enfrontamentos, os semifinalistas foron Basilio, que eliminou a Sachas, e Gundar, que deixou fóra a Félix. Na loita polo terceiro posto, Sachas impúxose a Félix, mentres que na gran final Gundar derrotou a Basilio para proclamarse campión do torneo e converterse no novo Coroceiro. O vencedor recibiu a tradicional coroza das mans do anterior campión, Félix.

A entrega de premios contou coa presenza da concelleira de Deportes de Santiago de Compostela, Pilar Rueiro, así como de Keli e Diego, fillos do lembrado Mario, que tamén quixeron acompañar aos participantes nesta gran festa da billarda.

A organización destacou o éxito dunha nova edición do torneo e agradeceu a colaboración de todas as persoas e entidades implicadas nun evento que volveu converter o Castiñeiriño nun dos grandes epicentros da billarda galega.

0.12443399429321