Foz ultima un novo mural inspirado na obra de Manuel María

Foz
AMariñaXa
A creación artística, promovida polo Concello, renderá homenaxe á tradición mariñeira e labrega da vila nun espazo emblemático
novo-mural-telefonica-Xose-Blanco-Foz-2026-1
5 Apr 2026

O Concello de Foz está a piques de rematar un novo mural artístico na fachada do edificio de Telefónica, situado na confluencia das rúas Salvador de Madariaga e Eduardo Pondal. Trátase dunha obra impulsada polo goberno local co obxectivo de recuperar a tradición muralista da vila e poñer en valor a súa identidade ligada ao mar e ao campo.

O proxecto, no que traballa o artista Xosé Blanco, natural do Valadouro, toma como punto de partida os versos do poeta Manuel María, en concreto do seu poemario Versos florecidos en loubanza de Foz. A partir desta inspiración, a obra busca plasmar as dúas grandes vertentes que definiron historicamente o municipio: a vida mariñeira e o mundo labrego.

Segundo explicou o alcalde, Fran Cajoto, esta iniciativa nace coa intención de recuperar unha expresión artística que deixou pegada en distintos puntos da localidade. O rexedor lembrou exemplos como o mural Rente ao mar, no peirao, As pescantinas, preto da Confraría, ou a obra situada no vestíbulo do CEIP Nº 1, todas elas referentes que forman parte da memoria colectiva da veciñanza.

O novo mural execútase mediante un proceso artesanal, no que cada peza se integra de maneira coidada ata completar a composición final. Esta técnica, que require precisión e tempo, contribúe a dotar á obra dunha especial singularidade, ao tempo que reforza o seu valor artístico.

Para facer posible a intervención, o Concello contou coa colaboración de Telefónica, que autorizou o uso da fachada. Ademais, leváronse a cabo diferentes actuacións previas, como a retirada de elementos da estrutura e a reorganización de instalacións, co fin de aproveitar ao máximo o espazo dispoñible e mellorar o resultado final.

O alcalde destacou que o edificio escollido constitúe un punto estratéxico, ao funcionar como acceso a unha das zonas máis tradicionais de Foz, e subliñou que a actuación permitirá transformar unha fachada cun notable impacto visual nun elemento artístico integrado na paisaxe urbana.

A previsión é que o mural estea finalizado nas próximas semanas e pase a formar parte do patrimonio cultural da vila. Desde o goberno local salientan que esta creación non só contribuirá a embelecer o entorno, senón que tamén servirá como homenaxe ás xeracións que construíron a historia de Foz a través do seu traballo no mar e na terra.

novo-mural-telefonica-Xose-Blanco-Foz-2026-2
0.11989808082581