Foz reunirá este sábado 13 combates de kickboxing e K1 na sétima edición de ARENKA

Foz volverá converterse nun punto de encontro para os afeccionados aos deportes de contacto coa celebración este sábado 14 de novembro de ARENKA VII. A sétima edición desta velada reunirá competición, espectáculo e convivencia arredor do kickboxing e do K1, cun programa que inclúe 13 combates e tres cinturóns en xogo.
O club Ari Foz terá un protagonismo especial na cita, xa que contará coa participación de 13 dos seus deportistas, froito do traballo e da preparación desenvolvidos ao longo dos últimos meses. Entre os principais atractivos da noite estarán os tres cinturóns ARENKA, polos que competirán Rodrigo, Javi e Alberto. Este último chegará á competición despois de participar recentemente nun Mundial.
A velada tamén contará con deportistas procedentes de diferentes puntos de Galicia, entre eles Ourense, Vigo, A Coruña e Pontevedra, o que permitirá reunir en Foz representantes de distintos clubs e afeccionados a estas disciplinas.
Os combates comezarán ás 19.00 horas, mentres que a apertura de portas está prevista para as 18.30. A organización destaca a boa resposta do público, xa que as 250 entradas correspondentes á zona de ring están completamente esgotadas. Aínda quedan localidades de bancada, cun aforo de 300 persoas, que se poden adquirir na Casa da Xuventude de Foz ou no propio recinto o día do evento.
Esta edición incorpora tamén unha proposta complementaria de lecer e gastronomía para prolongar a xornada unha vez rematada a competición. A festa continuará nunha carpa con música de DJs e coa oferta gastronómica de Vamos al Grano, que preparará racións de arroz para os asistentes. O ticket desta proposta terá un prezo de 15 euros e incluirá unha consumición. Poderá mercarse anticipadamente ou durante o evento, e a comida servirase ao rematar os combates.
As persoas que non poidan acudir á velada deportiva tamén terán a opción de sumarse á celebración posterior mediante entradas específicas para a carpa, cun custo de 10 euros.
Desde a organización agradeceron a colaboración das institucións, da Federación Galega de Kickboxing, dos patrocinadores e das entidades colaboradoras, cun recoñecemento especial ao Concello de Foz polo seu apoio continuado. Consideran que esta implicación resulta esencial para consolidar a cita e continuar dando visibilidade ao kickboxing.
O concelleiro de Deportes, Ángel Fernández Neira, destacou o papel que está a adquirir Foz neste ámbito deportivo dentro da provincia de Lugo. O edil atribuíu este recoñecemento ao labor do club Ari Foz e á implicación dos deportistas, adestradores, familias e afeccionados que acompañan cada competición.
Fernández Neira sinalou que ARENKA VII representa o resultado do esforzo colectivo e do compromiso co deporte local, máis alá dos propios combates, e contribúe tamén a proxectar o nome de Foz.