Foz renovará varias rúas e estradas cun investimento provincial de 250.000 euros

Foz
AMariñaXa
As actuacións permitirán mellorar firmes, ampliar zonas peonís e reforzar a seguridade viaria en distintos puntos do municipio
ALCALDE-DE-FOZ-NA-RÚA-EDUARDO-PONDAL
29 May 2026

O Concello de Foz acometerá nos próximos meses unha ampla actuación de mellora en rúas e estradas do municipio grazas a un investimento de 250.000 euros aprobado pola Deputación de Lugo. O alcalde focense, Fran Cajoto, agradeceu o apoio da institución provincial e da súa presidenta, Carmela López, destacando o compromiso mantido coa localidade a través deste novo proxecto de conservación viaria.

As intervencións previstas permitirán renovar por completo o firme das rúas Eduardo Pondal, Noriega Varela e rúa do Porto, tres vías que presentaban un notable deterioro. Segundo explicou o rexedor, os traballos servirán tamén para complementar actuacións realizadas anteriormente noutras zonas urbanas como Concello de Cervo, Alfonso X ou Irmandiños.

O proxecto inclúe ademais medidas destinadas a reforzar a seguridade peonil, especialmente no entorno escolar. Entre elas figura a ampliación da beirarrúa situada na entrada principal do Colexio Nº1 e a instalación dun paso de peóns elevado para reducir a velocidade do tráfico e facilitar o acceso do alumnado.

As obras contemplan tamén actuacións complementarias, como a reposición de bordos deteriorados nas beirarrúas e a creación dunha rede de sumidoiros na rúa Eduardo Pondal, unha zona que carecía deste servizo.

A intervención estenderase igualmente a distintas parroquias do municipio. En Marzán renovarase o firme en varios treitos das rúas Vicedo e Xove, mentres que tamén haberá reparacións no barrio de Río, na estrada da Basílica en San Martiño e en diferentes puntos de Nois e Vilaronte.

O plan inclúe ademais a mellora da sinalización horizontal en arredor de 20 quilómetros de vías municipais e provinciais, reforzando así a seguridade da circulación en todo o termo municipal.

0.11575698852539